O Campo das Redes

margot fernández

RIBEIRA

É un deses topónimos que se preserva grazas á oralidade

01 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Campo das Redes de Palmeira é un deses topónimos que se preserva grazas á oralidade. Non perdura a súa primitiva función: o secado e o amaño das artes de pesca. Daquela, o lugar desprende a nostalxia que alenta no relato dos antepasados.

O vocábulo campo provén do latín campus: «chaira». Comunmente relacionado cos cultivos, o termo proponse a miúdo como sinónimo de agro. Porén, o Campo das Redes fica preto do mar. Isto concorda coa acepción primixenia da palabra: terreo extenso destinado a actividades diversas. Un exemplo ben acaído é o Campo de Marte, onde os romanos se adestraban e practicaban estratexias bélicas.

Marte, divindade da guerra, impón nome ao devandito emprazamento, citado habitualmente polos autores latinos como campo, sen máis. Apréciese a sinécdoque: mingua a totalidade en prol do núcleo.

Idéntico prurito literario lle acode ao Campo das Redes, ao noso campo, sen máis, onde continuará a reinar Neptuno, deidade dos océanos, mentres a acordanza latexe.