O CARTAFOL | O |
25 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O VENRES 20 de xuño celebrouse unha velada de boxeo en Carballo, un acontecemento pouco frecuente por aquí. Anque non de forma tan temeraria como os toureiros diante dos cornos dos touros bravos (as mulleres din que os toureiros son moi machos e tíranlles bragas e sosténs como símbolo de admiración e entrega ós reis das prazas), os boxeadores arriscan a súa integridade física e mental por unha cantidade sustanciosa de cartos. Moitos dedícanse a esto por non ter outra cousa ou quizá porque ven unha maneira rápida de gañar cartos e quizá mesmo algún día conseguir a fama e unha gran fortuna material. Creo que o boxeo non é digno de ser considerado espectáculo nin tampouco deporte. Non quero criticar á xente que goza vendo como se desfán as caras destes homes que buscan a gloria no ring. Aló cadaquén coa súa forma de divertirse. Con todo, creo que é un espectáculo para sufrir. A paixón dalgúns afeccionados é tal que incluso son capaces de erguerse da cama ás catro ou ás cinco da mañá para asistir en directo ás trompadas dirixidas directamente á cabeza dos púxiles. É evidente que a maior parte destes acaba mal co tempo polos golpes que lle van minando pouco a pouco o corpo e o cerebro. Puro negocio Pero o negocio do boxeo manexa moitos millóns. Non sei se estarei ben informado, pero nunha velada de boxeo con Mike Tyson disque se moven del mil millóns de pesetas entre a recadación da entrada, a publicidade, as televisións, etcétera. Mil millóns seica son para o famoso boxeador. Non me estraña que ante estas cifras se ceguen e estean dispostos a todo con tal de facerse ricos. Aínda teño frescas as imaxes de Touro salvaxe , unha gran película de Martin Scorsese protagonizada por Robert de Niro, un actor que interpreta a un boxeador que consegue todo o que un home poida soñar na vida. Pero convértese nunha persoa violenta coa súa muller e coa súa familia. Ó final chega a ruína persoal e económica e acaba dedicándose a contar chistes nun club. Outros acaban de porteiros nunha discoteca ou de gardas de seguridade. Por eso me sorprendeu que Rubén Remuiñán declarase nunha entrevista realizada por este xornal que é máis duro o fútbol có boxeo, a non ser que se referise só á súa categoría. ¿Merece a pena tanta ambición e tanta présa por conseguilo todo para despois quedar sen nada?