As asociacións da comarca distinguen o labor solidario

C. Abelleira CARBALLO

CARBALLO

O mirador | Premios do ano O Padroado Fogar de Bergantiños entrega os galardóns do 2003 a Elena García, Afaber e Proxecto Home Galicia

13 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O Padroado Fogar de Bergantiños acode á súa cita cos premios Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano, que naceron en 1978 por iniciativa da revista Mensaxe de Bergantiños e que 24 anos despois, conseguen implicar aos sete concellos da comarca e a unha ampla representación do movemento asociativo. Entre as numerosas propostas presentadas polo consello asesor, e ampliadas polas propias entidades que participan na votación, os elixidos foron María Elena García Lorenzo, carballesa moi vencellada ó traballo no eido social, sobre todo en Vieiro e Cáritas; Afaber (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños), e Proxecto Home Galicia. Todos teñen en común o seu traballo solidario con colectivos desfavorecidos a nivel social e sanitario, sobre todo. O acto, que cada ano gaña en solemnidade, comezará ás 20.30 horas coa recepción das autoridades, os galardoados e os convidados. O locutor de Radio Voz Bergantiños Pedro Tasende conducirá a cerimonia, que se abrirá coa benvida por parte do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a intervención do presidente do Padroado, José Luis Calvo Pumpido. O secretario da entidade organizadora, Pedro Luis Fernández Pombo, dará lectura á acta de concesión dos premios, que recollerán a propia Elena García; Jesús Manuel Villar Antelo, presidente de Afaber, e Ramón Gómez Crespo, director de Proxecto Home Galicia. A continuación intervirán José Luis Álvarez Naviero, director xeral adxunto de relacións institucionais de Caixa Galicia; Salvador Fernández Moreda, presidente da Deputación da Coruña, e José María Hernández Cochón, conselleiro de Sanidade. A xornada concluirá cun viño galego para todos os asistentes. Carballo. Casa do Concello. 20.30 horas.