Entrevista | José Manuel Santos Maneiro O máximo responsable da asociación supracomarcal asistiu á inauguración de Turisport xunto cos demais membros da comisión permanente
15 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.José Manuel Santos Maneiro, alcalde de Mazaricos e presidente da asociación Neria desde hai case tres anos, estivo o xoves na inauguración da feira de turismo de Silleda, Turisport. Acompañado polos membros da comisión permanente, José Manuel Traba, vicepresidente; Xan García, secretario, e Antonio Cundíns, tesoureiro, recibiu ás autoridades na caseta desde a que este ano se atende ao público. Entre elas, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. -Creo que mellorou un pouco con repecto á do ano pasado. En todo caso, para Neria sempre é bo e necesario estar presente na feira de turismo máis importante de Galicia, e así temos que estar. É certo que, se se botan cálculos en canto á dimensión nacional e internacional ou número de asistentes, se cadra, sáenos máis rendible a de Barcelona ou a de Madrid, pero esta ofrece outras cualidades. Unha delas, a presencia de público portugués interesado pola nosa bisbarra. -¿Interesado tamén polo nome? ¿Cre que se vai consolidando a marca Costa da Morte? -Non teño ninguha dúbida, pero iso seino eu e sábeo calquera que viaxe un pouco ou acuda a estes acontecementos relevantes. Nótase na curiosidade da xente, nas preguntas que fan. -¿Nótase tamén nos resultados do turismo na bisbarra? ¿Vaise incrementando a medida que a comarca se promociona nas feiras turísticas? -Considero que a medio plazo será mellor, pero do que non hai discusión é que os efectos xa se están notando. Os efectos do noso traballo, por exemplo, vense na ocupación hosteleira. Hai moita ocupación incluso para un mes como outubro. O nivel é máis alto que fai anos, e vai mellorando en todos os sentidos. -Ou sexa, que vostedes consideran que acudir a estes actos de promoción turística compensan. -Si que compensan, penso que iso xa está claro para todos. Aínda que hai que ter en conta que o turismo non é a única saída económica para a Costa da Morte. É unha máis, boa, pero non a única. Neste sentido, a promoción en diversos foros compensa e os resultados do traballo percíbense. ¿Que hai que conseguir máis? Estamos todos de acordo.