Entrevista | Rosario Reigía «A nosa idea é promocionar que a xente que veña se sinta a gusto, que disfrute e, sobre todo, ofrecerlle un turismo de calidade», sinala
17 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Conducir por autoestrada pode ser o máis rápido e o máis cómodo, pero non se disfruta da mesma forma da paisaxe que ofrece a Costa da Morte. Este feito non se lle escapou a Rosario Reigía nin ao seu compañeiro, Manuel Doldán, cando, fai uns meses, decidiron montar unha empresa de rutas en todo terreo «animados por amigos do clube». Para comezar, dividiron a Costa da Morte en catro rutas, «para facer o itinerario máis tranquilo», sinala Rosario Reigía, que onte estivo en RadioVoz. - ¿Cal é a ruta máis atractiva? -É moi difícil dicir cal é a máis vistosa. Son todas moi interesantes e bastante variadas. A que máis coñece a xente é a que chega ata Fisterra, porque alí acaba o Camiño de Santiago e ademais púxose de moda ver o atardecer dende alí. Sen embargo, unha vez van coñecendo a zona, quédanse moi sorprendidos de todo o que poden ver aquí. Á parte de percorrer toda a costa, os itinerarios deseñados levan aos turistas por zonas do interior como o dolmen Pedra da Arca, Expo Bergantiños ou o castro de Borneiro, para non ofrecer só paisaxes, senón tamén cultura e tradición. - Para as persoas que veñen de fóra, seguro que a gastronomía tamén é un atractivo da zona. ¿Piden algo especial? -En principio todos queren probar o marisco, pero cando proban a carne tamén lles encanta. Os clientes, polo xeral, son de fóra de Galicia e cando marchan van con catro quilos máis (bromea Rosario). - ¿Con que obxectivos se crearon as rutas? -A nosa idea é promocionar que a xente que veña aquí se sinta a gusto, que disfrute e, sobre todo, ofrecerlle un turismo de calidade. - ¿Tamén é posible facer esta actividade durante o inverno? -Si. No inverno tamén organizamos rutas. Á xente gústalle ver o mar picado. - ¿Que tipo de clientes acoden á empresa? -En xeral veñen familias mozas, á xente maior dalle máis medo, aínda que é moi tranquilo. Todo é probar, para saber se lles gusta esta forma de desprazarse.