Botellín

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

01 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

TIÑA PENSADO non facelo, pero tamén me vexo na obriga de escribir sobre o botellón (con prefixos aumentativos ou non), pero deixando a un lado prexuízos paternalistas e moralistas porque -cun nome ou outro- concentracións para beber houbo sempre e o que se consegue adxectivando despectivamente esta forma de cultura xuvenil non é máis que convidar aos novos a que se sumen a participar. O pechado atrae, o escuro convida, o prohibido convértese en desexo. En socioloxía chámase efecto chamada ; e iso é o que está a ocorrer enchendo tantas páxinas de xornais e horas de radio e televisión. Canto máis se fale de algo que non queremos menos conseguiremos que nos fagan caso. Porque concentracións para beber sempre houbo: algúns somos da cultura do botellín de cervexa (por caixas) e outros o foron das botellas de viño na festa da aldea, ou de empinar a bota ou o porrón fresquiño (e non de auga); e nos xuntabamos -e o seguimos facendo- na Romaría do San Fins, na Festa da Carballeira de Baio ou en calquera outra romaría coa intención de facer vida social (ou sexa: ligar), bailar e beber, e a poder ser dun xeito barato. Os cartos sempre van en proporción inversa ás ganas de xolda. Non están inventando nada novo. Parece que nos molesta que beban nos botellóns e non que o poidan facer nos bares, pubs e discotecas. ¿Por que non intentamos ofrecerlles plans de ocio alternativos ao alcohol en vez de obrigarlles a beber en sitios convencionalmente aceptados?, ¿Por que non lles facemos ver que diversión non ter que ser necesariamente sinónimo de alcohol? Se o alcohol é tan malo, ¿por que non deixamos de beber tamén nós? Din que os andaluces só necesitan unha botella de viño e unha guitarra para facer unha festa e a nós -adultos e responsables- ata nos sobra a guitarra. Non sexamos hipócritas.