ARA SOLIS | O |
12 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A FESTA do Congro de Muxía é unha homenaxe ao peixe que na primeira metade do século vinte levantou a economía dos pobos da Costa da Morte, de aí que houbese por toda a costa secadoiros coma os que aínda perduran en Muxía, e que na segunda metade do século pasado eran o destino da maioría deste peixe que pescaban os barcos da zona. O curioso do caso é que o congro que se seca en Muxía de forma tradicional non se consume para nada en Galicia. Sen embargo, é un artigo de luxo fóra da comunidade, en lugares como Madrid ou Aragón, amén de Francia, onde forma parte da grand cuisine . En Muxía tamén se podese comer, pero, paradoxicamente, só por encarga. É un caso curioso cun produto único no mundo e enteiramente galego e de calidade. Dende o pasado ano interesouse polo produto un restaurante de alto nivel de Santiago, pero os produtores non se explican como non se fai nada por dar a coñecer este peixe, que está totalmente abandoado dende hai anos. Na Festa do Congro dáse a coñecer moi pouco, pero, iso si, reálzanse as calidades deste peixe, que a moita xente dá repelús pola súa forma de serpe, pero que ten unha carne branca e sabedora e unha pel xelatinosa. As súas características, precisamente, convérteno nunha especie moi axeitada para calquera forma de preparación, dende a caldeirada -que en Muxía faise dunha forma distinta a outros pobos, usando moita cebola no refrito-, ata empanadas, así como en salsa verde, de vieiras, á brasa, á prancha ou en salpicón. A Festa do Congro, que xa vai pola décima edición, naceu tras unha conversa que mantiveron o alcalde de Muxía, Alberto Blanco, e o entón presidente da Deputación, que tiña un gran afán por promocionar a Costa da Morte.