ARA SOLIS | O |
09 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Decimosexto capítulo do mesmo tema (a ver se vai quedando). Contábame dous días atrás, medio abraiado, o profesor e artesán corcubionés Manolo Canosa, que a xente chegaba nesta semana por centos ao faro de Fisterra, onde e outros amosan boa parte da artesanía da Costa da Morte (por certo, a mostra remata hoxe polas oito da noite; se poden, vaian). O da sorpresa viña porque, malia ao vento, a auga e un pouco de frío, os visitantes ían igual. E malia que parte do tellado do Semáforo caeu sobre as pedras do lado, a xente quería ir igual á punta. Fisterra ten un imán poderoso, diría que as tormentas potencian aínda máis esa atracción. Por menos da metade, na Europa de por aló arriba converten estes sitios en monumentos nacionais, poñen ao lado centros de interpretación con guías en varios idiomas, sinalizan os sendeiros para que os coches non pasen, aportan autobuses ecolóxicos para os maiores ou os que non queiran cansarse, cobran entrada. E, con todo, as chegadas aumentan. En Fisterra, en cambio, mito de Occidente, nome telúrico, referente do turismo galego sen discusión, todo segue (case) igual, salvo que agora, en vez de placa solares, hainas de cemento no chan. ¡Se vai ser por pedra e todo! ¿Para cando, dunha vez, un acordo entre as tres Administracións para poñer o Cabo onde se merece, entre os mellores sitios de España para visitar? Que non sexan os estranxeiros os que teñan que vir cada dous por tres a lembrárnolo. Nota final. Se hoxe van ver algunha cascada, ademais das do Ézaro ou Entrecruces, que botan por fóra pola chuvia, aproveiten para ver as menores, que poucas veces no ano se amosan brancas e fortes. Como esa que hai entre Moucos e Vilar Ramilo (lindes de Zas e Coristanco), ou a que baixa preto da Canosa de Rus. Valen a pena e non costa nada, salvo a molladura.