Galego para todos

FARRUCO GRAÑA

CARBALLO

NOVOS TEMPOS | O |

07 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

NUNHA OCASIÓN tiven a oportunidade de escoitarlle falar galego a un mozo que acababa de chegar de Montevideo. O seu deixe era claramente charrúa. Non ofrecía lugar a dúbidas. E, non en tanto, soaba tan ben! Se con el si, con nós tamén. Non caben escusas do tipo "Es que nunca lo hablé", ou "Me da vergüenza". Non pode ser. Temos que poñernos. Non caben prexuízos de ningún tipo. Nin podemos menosprezar o que falamos aquí, nin tampouco renegar do noso por medos absurdos. En Bergantiños, na Costa da Morte, falamos dun xeito determinado, unha variante, a occidental, perfectamente integrada no galego común de todos. Dicimos ghato, ghaliña (gheada), des ou tamén sinco (seseos implosivo e explosivo), meu irmán e miña irmán, tamén falamos das mañáns (e non das mañás); e dicimos ti, e non tu. Prendémoslle lume ás cachelas, e comentamos que daquela comeza a festa.? A mesma lingua Pero debemos ter claro que todos falamos a mesma lingua: o galego. Calquera escusa finxindo que non sabemos, ou que non somos dignos porque nós falamos mal, ou calquera outra andrómena polo estilo, tan só servirá para debilitar a nosa lingua, a nosa cultura; a nós mesmos a fin de contas. Temos que diferenciar entre lingua (o galego), norma (o que aprendemos nas escolas) e fala(s): as distintas maneiras de expresarnos na lingua común que todos compartimos: o galego. E isto tampouco implica renunciar á nosa peculiar maneira de falar en Bergantiños, Soneira e Fisterra. Que fermosa lección a que nos deron os habitantes de Portosás, en Mareas Vivas!