Modesto Fraga e Rafa Villar teñen nova obra, e unha moza fisterrana estréase cunha novela de misterio
26 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Coa chegada do outono haberá follas novas de escritores vellos (pasan dos trinta) e tamén de sabia verde no eido da literatura. Que, por certo, tamén pasa por pouco dos trinta, anque nunca é tarde para buscar o oco nas estanterías.
No primeiro caso, escritores xa consagrados, con moita obra e uns cantos premios, presentan novos libros. Son Modesto Fraga Moure, de Fisterra, e Rafa Villar, de Cee. Ambos, curiosamente, van publicar na mesma editorial, Sotelo Blanco, a través da súa colección Leliadoura, durmida nestes últimos anos e recén erguida cun novo nome, Edoy Leliadoura, en homenaxe a unha popular cantiga do século XIII de Pedro Eanes Solaz.
O libro de Modesto Fraga titúlase Derrotas con raíces , e vai diso, de derrotas (amores, paixóns, intimismo) e raíces (peso social, homenaxe aos sufridores, aos desherdados). É un poemario de moito sentimento, contaba onte Modesto. O de Rafa Villar chámase Memoria de Ahab , e tanto un coma outro, ademais dos de Marica Campo e Daniel Salgado, presentaranse, se todo vai polo previsto, a mediados do mes que vén na Galería Sargadelos de Santiago. Ademais da beleza poética do seu interior, parece ser que a edición e o encadernamento é case de luxo, que é a mellor maneira de gardar os versos.
Quen se vén de achegar á república das letras é outra fisterrana como Modesto. Chámase María José Lago Traba e ten 31 anos, idade que por estas terras, berce daquel fecundo Batallón Literario da Costa da Morte que tanto deu que falar e que escribir, non soe ser a habitual para a primeira obra. Claro que sempre hai unha primeia vez.
En castelán
María José, ademais, rompe o esquema habitual de publicar en galego. Ela faino en castelán. E, ademais, non lle deu pola poesía, senón pola novela. De misterio, para máis sinais, que son os que un bo escritor lanza nas súas páxinas neste xénero para atrapar aos lectores e dar pistas. Aí van unhas cantas.
O libro chámase Contacto , como aquela obra de Carl Sagan logo levada ao cine por Jodie Foster. Pero aquí non hai outros mundos alieníxenas, senón terrenais. E raros. Unha moza ten problemas para durmir, empeza a escoitar a voz dun neno, recibe mensaxes que parecen telepáticos... E ata aquí se pode ler, para abrir boca, ou gañas de ler, precisamente. Contado por ela, o argumento atrapa. Pero o que manda é o lector.
María José presentará o seu libro, se non hai cambio, o vindeiro 11 de novenbro. Será nun acto no que estará acompañada por Modesto Fraga e pola profesora e escritora ceense Concha Blanco. Despois, xa estará nas librarías, editado por Edicións Saniño.
Se a cousa lle sae ben, e non ten por que non saír, ten aí otros libros pendentes de publicarse, e xa escritos: nada menos que catro. O momento do salto chegou agora.