O movemento asociativo da comarca volveu a reunirse onte nunha cita xa tradicional: a elección dos Premios Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano. Convocados polo Padroado Fogar de Bergantiños, 24 colectivos asistiron á reunión que tivo lugar a última hora da tarde no salón parroquial carballés.
O 2007 rematou con moitos candidatos, e probablemente por iso as votacións estiveron moi disputadas. Sobre todo a de galego, na que foi preciso realizar ata catro votacións. Das cinco persoas propostas, na primeira rolda xa se descolgou Quico Cadaval, por non acadar o mínimo 10% dos votos esixido. Na segunda, co listón xa no 20%, quedou eliminada María Amelia López, a avoa blogueira de Muxía, e na terceira caeu o deportista Javier Gómez Noya. Para a cuarta e última rolda quedaron a soldado morta en Afganistán Idoia Rodríguez e o catedrático Ángel Carracedo Álvarez, que acadou, finalmente, a porcentaxe máis elevada de apoios.
Tres votacións fixeron falta para elixir ao Carballés, ao que optaban Fernando Cabeza Quiles, Juan Carlos Díaz del Valle, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Rober Bodegas, Manuel Facal Ponte e o Centro Municipal de Formación Ocupacional. Os tres últimos protagonizaron a loita, ata o punto de que a igualdade puido provocar que o premio quedase deserto. Ao final gañou o Centro de Formación.
A menos rifada por a elección de Bergantiñán. Fonteboa e Brigada Norte-Sur Solidaria non pasaron o primeiro filtro. Na segunda rolda caeron Loly Bolay e as asociacións contra o cancro. Martín Varela arrasou.