Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Un lugar na historia para o crego Juan Antonio Posse

CARBALLO

Varios intelectuais reclamaron en Santiago un maior recoñecemento para o sacerdote nacido en Laxe

06 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O crego liberal Juan Antonio Posse, que naceu en Soesto (Laxe) en 1766, foi esquecido durante máis dun século e aínda o segue sendo na actualidade. Así o puxeron de manifesto os participantes o xoves pola noite na presentación en Santiago do libro titulado Actas da xornada sobre a figura de don Juan Antonio Posse, o crego liberal con motivo do 240 aniversario do seu nacemento. O acto tivo lugar na libreira Couceiro de compostelá praza de Cervantes.

Ramón Mariño Paz, profesor da Universidade de Compostela, chegou a dicir que os libros de historia contemporánea de Galicia mesmo seguen sen darlle entrada a este sacerdote ilustrado que foi perseguido polas súas ideas e que deixou escritos textos de grande importancia literaria, histórica e política.

O presidente do Seminario de Estudos Comarcais, Xosé María Lema, que tamén aproveitou a oportunidade para falar do labor da entidade que dirixe, comentou que se atoparon novos documentos que constatan o proceso e encarceramento de Juan Antonio Posse en 1827. O fiscal eclesiástico mesmo chegou a pedir a reclusión perpétua do sacerdote polos seus discursos liberais e súa actitude insolente.

Xacobe Lamas, responsable de Toxosoutos, descartou que este mesmo libro se poida presentar en Laxe o vindeiro día 19, mentres que Ana Romero Masiá, doutora en Historia, falou do liberalismo na época de Juan Antonio Posse e Xosé María Méndez Doménech ilustrou aos presentes sobre a dinastía dos Doménech de Laxe, cos que o crego nado en Soesto mantivera unha relación de amizade. Ademais participaron Pegerto Saavedra, catedrático de Historia Moderna, e Manuel Suárez Suárez, quen deu conta das comunicacións enviadas polo americano Richard Herr e o gaditano Fernando Durán. Herr foi o editor das memorias de Posse en 1984 e loou o labor de Lema por dar a coñecer a vida e a obra do clérigo liberal. Tamén manifestou a súa satisfación por «ver como el mundo hispano y sobre todo el gallego ha llegado a apreciar ese personaje genial cuyas memorias han dibujado un cuadro único de la España de finales del XVIII y principios XIX».

Fernando Durán, pola súa banda, apuntou que o achádego da figura de Posse foi «un deslumbramiento inesperado, ha sido la recompensa a una búsqueda».