«Empezamos a concienciarnos co cambio climático»

CARBALLO

Unha exposición percorre distintos concellos da provincia sensibilizando á poboación sobre o quentamento global

15 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Xa estivo en Padrón. Pode verse estes días en Corcubión e proximamente achegarase a outros 8 concellos da provincia coruñesa: Muxía, Carballo, Oleiros, Arteixo, Neda, As Pontes, Arzúa e Brión. Trátase da exposición O cambio climático, impulsada pola Deputación da Coruña dentro do seu programa de exposicións itinerantes, destinado a enriquecer a actividade cultural dos distintos concellos desta provincia. «Con exposicións coma esta fomentamos a igualdade de oportunidades. Da igual que un sexa dunha grande cidade ou dunha pequena vila», comenta o presidente do ente provincial, Salvador Fernández Moreda, sobre o programa. A nova mostra pretende concienciar á poboación sobre o quentamento global do noso planeta.

-¿Por que escolle a Deputación a temática medioambiental nesta exposición?

-O cambio climático é un tema que consideramos que está de actualidade. Ademais, as distintas exposicións que organizamos nos distintos concellos teñen que ter tamén un aspecto pedagóxico e didáctico. Con esta iniciativa queremos sensibilizar á poboación, pero especialmente aos escolares. Sobre un problema que a todos nos afecta. As accións a nivel individual tamén inflúen no cambio climático. E neste aspecto radica a importancia da mostra.

-¿Que podemos ver nela?

-Ten varios apartados. No primeiro preséntase o planeta Terra e os distintos ecosistemas aos que dá vida. Despois hai varios paneis que afondan no cambio climático en si: as súas causas, as súas consecuencias, e o que nós, como cidadáns, podemos facer para combatilo. Todo isto guiado por un monitor que explica aos visitantes os distintos contidos, tentando concienciar sobre a importancia da protección do medio ambiente.

-O comisario da exposición é Ricardo García Mira, que pertence ao grupo de investigación da Universidade da Coruña. ¿Como é a relación da Deputación cos estamentos educativos da provincia?

-Temos moitos convenios coas dúas universidades da nosa provincia. A de Santiago e a de Coruña. O labor de investigación é responsabilidade delas en moitos aspectos e nese ámbito colaboramos con elas. Potenciamos así os seus departamentos.

-¿A Administración fai o suficiente para loitar contra o cambio climático?

-Podemos facer un pouco máis todavía. A xente está empezando a concienciarse agora. A nivel político temos que impulsar o protocolo de Kioto. A nivel industrial hai que buscar enerxías alternativas e eficiencia enerxética. E a nivel individual temos que empregar a máxima: reducir, reutilizar e reciclar.