A canteira cultural de Adro e Badius amosou en Baio a súa calidade nun aplaudido festival

La Voz

CARBALLO

17 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois de tantos anos véndoas sobre os escenarios xa hai veciños de Baio que saben de memoria os diálogos de O segredo do tío Zanfona e A lingua pequena , dous pezas baseadas nos textos do autor local Labarta Pose que onte representaron os pequenos actores do colexio que tamén leva o nome do escritor. Os rapaces amosaron unhas divertidas dotes artísticas que foron aplaudidas con gañas polos preto de 200 espectadores que onte se achegaron ao auditorio do polideportivo de Baio para gozar do festival que asociacións culturais Adro e Badius organizaron con motivo do Día das Letras Galegas.

As dous entidades, auténticas motores da vida cultural da vila, prepararon para os veciños unha atractiva oferta coa que non só o pasaron ben os pais e avós dos actores máis novos. Tamén riron e aplaudiron ás rapazas do grupo Feminino Singular, todas elas alumnas do instituto Maximinio Romero de Lema e aplicadas actrices ás que dirixe Ricardo Vigueret Gil, presidente tamén de Badius. As rapazas puxeron en escena unha divertida parodia do clásico Drácula de Bram Stoker. Na obra, como no orixinal, había tamén vampiresas, pero, sobre todo, escenas cargadas de humor e chiscadelas a temas actuais. Tanto é así que ao final informouse que o malvado conde traballa agora nun laboratorio. De sangue, claro.

No festival de Baio houbo máis que teatro, xa que ao escenario subiron tamén as padereteiras e os gaiteiros de Adro. Un broche perfecto para unha xornada na que quedou claro que a canteira cultural de Baio está a salvo grazas ás dúas entidades.

Outra asociación que está apostando moi forte polo pulo cultural da súa parroquia é a dos veciños de Pasarela, que onte celebrou un exitoso festival de música e baile do que gozaron centos de persoas. A música chegou ao pobo vimiancés da man do grupo de gaitas Os da Torre e do dúo de acordeóns Aserrín e Viruta. Tamén actuaron os integrantes do grupo Churía, da asociación Castro-Meda de Zas o grupo de folk Tumbabolos. A actuación teatral foi cousa da entidade organizadora, que interpretou Os Sapapusios .?