As institucións vólcanse na entrega dos Premios Fogar de Bergantiños

La Voz

CARBALLO

03 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Padroado Fogar de Bergantiños entregará mañá os Premios Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano 2008. A mestra xubilada Fina Rey Baldomir, a Fundación Eduardo Pondal e o físico Jorge Mira son os persoeiros escollidos polo movemento asociativo bergantiñán como merecedores dun recoñecemento social que acumula xa tres décadas de historia.

Os novos galardoados serán os protagonistas indiscutibles do acto convocado para as 20.30 horas no salón de sesións do Concello de Carballo. O mesmo escenario é un símbolo do carácter institucional que se lle pretende dar aos premios dende o padroado, pero este ano verase reforzado coa presenza de varias personalidades.

Deste xeito, o venres estarán en Carballo el conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema. Na mesa presidencial tamén estarán o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez; o presidente do Padroado Fogar de Bergantiños, José Luis Calvo Pumpido; o responsable da Obra Social de Caixa Galicia, Manuel Aguilar López, e o secretario da entidade organizadora, Pedro Luis Fernández Pombo, que será tamén o encargado de dar lectura á acta da sesión na que foron elixidos os gañadores dos premios.

Todo está preparado, como todos os anos, para que ese carácter institucional que se lles pretende dar aos premios estea presente en todo momento. Tras a entrega dos galardóns e os discursos, os asistentes poderán degustar un aperitivo.