Esta formación de Lisboa abrirá ás nove o programa de sala do FIOT
10 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Companhia do Chapitô (Lisboa) inaugura hoxe, ás 21.00 horas, a programación de sala do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT). Jorge Cruz, un dos seus integrantes, adianta algo do espectáculo desta noite.
-Estrea en España, nada máis e nada menos. E será en Carballo. ¿Que lle parece iso?
-Penso que vai ser moi bo estrear este espectáculo en Galicia. Volver outra vez a Carballo e facelo agora con A Tempestade. Xa estiveramos en Carballo e gústanos actuar en Galicia pola súa proximidade co noso país. Cando actuamos noutras partes de España, a veces facemos os espectáculos en castelán, mais este será en galego. O noso é un espectáculo tamén espiritual, polo que dá para ver mesmo non entendendo de todo a lingua.
-«A tempestade» é unha versión do grande William Shakespeare. ¿É difícil iso?
-Normalmente cando traballamos clásicos nunca hai unha grande dificultade para a compañía, porque nós procuramos adaptalo de xeito que sexa doado de entender para o espectador e mesmo para nós é un divertimento tamén. Nesta obra, A tempestade, acadamos un acto máxico, cómico e poético tamén.
-Ten moito de plástica, logo.
-Exactamente, hai moita xestualidade, é unha obra moi visual. É un acto visual e cómico. Respecto ás nosas anteriores obras, é tamén máis poético.
-¿Ten a Companhía do Chapitô unha linguaxe propia?
-Si, é unha linguaxe física e cómica, que foi conseguindo a compañía, ao longo dos seus trece anos. Foi pensada inicialmente tamén para dirixirse a un público que non tiña propiamente un teatro para el, posto que soe haber teatro para nenos e teatro para adultos, pero non un na idade intermedia. Non obstante, ao final, percibimos que esta linguaxe, hoxe en día, chega a varias idades e varias maneiras de estar. É universal.