«Encántame que as festas lle den un oco ao teatro»

D. A. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

A artista ferrolá interpretará mañá a María Callas no espectáculo «Master Class», no Pazo da Cultura

11 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Mañá abrirase o programa das Festas de San Xoán en Carballo cunha cita que ninguén pode perder: o espectáculo Master Class, organizado pola produtora Bengala Producións, que se celebrará no Pazo da Cultura a partir das nove da noite.

-¿Que nos pode contar del?

-En primeiro lugar, encántame que se lle faga un oco nestas festas ao teatro e a outras actividades que non son tan cañeiras, porque creo que ás veces parece que quedamos un pouco relegados. O espectáculo reúne moitísimos atractivos, porque trata dunha personaxe moi coñecida polo público, María Callas, pero que ten unhas vertentes que non eran as que quedaban tan á vista. Trata unha época contra o final da súa vida, cando xa non cantaba e levaba tempo retirada dos escenarios, fóra do contacto co gran público, e entón nun determinado momento se lle pediu que dese unhas clases maxistrais na famosa academia Juilliard de Nova Iorque, algo ao que ela se negara durante varios anos, pero que nese momento acepta. A acción da obra transcorre durante unha clase maxistral impartida a varios cantantes.

-¿Canta na obra?

-(Ri) Non, polo ben do público, por respecto á ópera e un pouco a min mesma pero, sobre todo, aos cantantes que forman parte do elenco desta función xa que, ademais, a ópera en directo é un dos elementos que lle dá unha relevancia especial ao espectáculo. Somos cinco actores e actrices, dous deles magníficos cantantes profesionais, Julia Cea, soprano, e Enrique Martínez, tenor, que cantan dúas áreas fermosísimas que son un dos valores fundamentais desta función.

-¿Como se pode transmitir o carácter e o magnetismo de María Callas?

-Existe moitísima información para encarnar a esta personaxe, pero non debemos esquecer que para preparar unha función deste tipo debemos basearnos sempre no guión. Aí están todas as pistas necesarias para representala. Neste caso, o guión do autor americano Terrence McNally, gran admirador de Callas, é magnífico, xa que a coñeceu directamente porque asistiu as súas clases maxistrais. Ademais, é un compositor de libretos de ópera, polo que ten un coñecemento moi amplo de cuestións musicais. De todos os xeitos, é curioso a cantidade de información que existe sobre ela que pouco ten que ver coa súa profesionalidade e a súa entrega absoluta á música e á escena. Nesta función, estes aspectos non nos interesan tanto. Por outra banda, a pesar de ese carácter especial que tiña, tampouco é totalmente certo que a relación cos seus compañeiros fose tan dura, pois era moitísimo máis colaboradora do que se pensa, aínda que na función, este punto de vista amable non existe, senón que se leva máis á controversia para crear conflito.