O presidente do Bergantiños, Javier Souto, aclara a saída de Deus do equipo e non oculta a necesidade que ten o club de contratar un dianteiro.
-¿Cal é o motivo polo que marcha Deus?
-Son motivos puramente familiares. Marcha para vivir a Xerez, co cal, loxicamente, ten que deixar o equipo. Para nada o Bergantiños ten ningún problema con Deus, nin Deus co Bergantiños.
-¿Como queda agora o equipo? ¿Van fichar dianteiro?
-A nosa intención xa era fichar un dianteiro, con Deus ou sen el. Era algo que estabamos buscando, porque Deus levaba practicamente toda a tempada lesionado co cal pouco nos puido aportar este ano. Ten que ser alguén que nos mellore o que temos realmente. Loxicamente, agora en xaneiro queda menos tempo e hai máis presa.
-¿Pediulle Bardanca algún xogador en concreto?
-O que estamos buscando realmente é un dianteiro que marque. Tanto o sabe Bardanca como o sabemos nós que o que nos falta é o gol.
-¿Onde están buscando?
-En Terceira e máis en Segunda B, por ver se queda algo que nos entre no presuposto. De ser así trataríamos de collelo.
-¿Preocúpalle a situación do equipo? ¿Considera que hai marxe para saír dos postos de descenso?
-Estou seguro de que temos marxe suficiente para saír de aí. De feito, empezamos moi ben, pero a raíz da lesión de Josiño o equipo perdeu moitísimo. Ata aí marchaba todo e chegamos a estar quintos ou sextos cun nivel aceptable. Despois ben este baixón e agora espero que pase e volvamos a recuperar. Deberiamos ser capaces.
-¿Confía en Bardanca para levar o equipo?
-Nunca deixei de confiar.
-¿Que lle pareceu a saída de Álex Canedo?
-É un tema pasado, que xa está solucionado. Desexo que lle vai estupendamente. De feito, é un bo xogador e seguro que o vai facer moi ben.