«En Europa teñen as centrais nas cidades e non están tolos»

ramón rivera LA VOZ / CARBALLO

CARBALLO

En Sogama apostan por recuperar enerxía a través da incineración

04 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) leva xa dezanove anos en funcionamento axudando a preservar a natureza grazas á separación dos refugallos de case todos os galegos. Luis Lamas Novo (Lugo, 1971) leva case dous presidindo unha entidade que aposta polas novas tecnoloxías para achegarse aos máis cativos. Teñen perfís nas redes sociais máis importantes.

­­­-¿Como foi o 2010 en Sogama?

-Foi un ano duro desde o punto de vista medioambiental e económico. Os nosos ingresos víronse moi mermados polo prezo da enerxía eléctrica, porque baixou para os produtores. Tamén pola situación económica dos concellos, que é complicada e que fai que se retrasen moito os pagos. Foi un ano difícil, pero hai que traballar e non queixarse.

­­­-¿Que campañas de concienciación ten Sogama?

-As visitas ao complexo medioambiental de Cerceda son moi importantes para que a xente vexa que a separación que fan na súa casa ten máis valor do que poidan pensar. Nas vindeiras semanas vaise poñer de novo en marcha a campaña Ti es a peza que falta, que este ano destinarase á recollida selectiva e a tratar de mellorala.

-¿Conséguese algo con esas visitas? ¿A xente sae realmente concienciada?

-Si. Cando un ve cos seus ollos o que se fai, o nivel de convicción sobe. Óese por aí que o de separar nas nosas casas non ten utilidade porque o camión mestura todo o lixo. Iso é falso, aínda que pode haber algún concello ou algún camión que poida facer unha falcatruada. Se vostede vén aquí e ve como se trata a bolsa amarela, como se separa por materiais, ninguén máis lle pode contar esa patraña, porque saberá que non é certo.

-¿É o vertedoiro da Areosa o culpable desas faladurías?

-Non sei se é o culpable, pero é algo que non debería de existir, ou só nunha contía mínima. Porque a eliminación en vertedoiro debe ser a última forma de tratamento do lixo. E aquí supón case o 57 por cento. A xente pode crer as mentiras que se din de Sogama porque ao vertedoiro da Areosa van os envases que os cidadáns non separaron correctamente. Alí recala todo o lixo que se puxo na bolsa negra, nunca o que vai no contedor amarelo.

-Sogama aposta pola incineración con recuperación de enerxía. ¿Que beneficios ten?

-Apostamos polo que di a lexislación europea e polo que fan os países que están máis avanzados no eido medioambiental. Alí, entre o un e o catro por cento do lixo vai ao vertedoiro. Pero danlle moito valor á incineración. É iso cara onde hai que ir porque o 95 por cento dos residuos convértense en enerxía. É unha forma complementaria á compostaxe e o reciclado. En Areosa, con biogás, producimos máis enerxía eléctrica da que se produce, por exemplo, na de Nostián co compost. Ademais isto non prexudica ás persoas, é outro bulo. Non hai ningún indicio que diga que as incineradoras provocan algún tipo de dano para a saúde. De feito, en países como Alemania, Dinamarca ou Suecia estas plantas están no medio das cidades, e non creo que eles estean tolos.

luis lamas novo presidente de sogama