«O boca a boca é o mellor xeito de chegar á xente»

ramón Rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A nova plataforma audiovisual leva case tres anos apostando pola libre creación de produtos no sector

25 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Quen teña unha idea relacionada co audiovisual e non saiba que facer con ela pode achegarse ata a asociación Película Invertida. O baiés Víctor Mira é un dos seus socios fundadores.

-¿Que é Película Invertida?

-Un grupo de amigos quixemos facer cousas á parte das da facultade. Comezamos colaborando con máis xente e acabamos constituíndonos como asociación. É como un punto de encontro de xente con creatividade e que non ten os recursos ao seu alcance. Entre todos imos facendo colaboracións e creacións audiovisuais. Un banco de recursos para poder colaborar e prestarllos a outros. Poden ser traballos de fotografía, videocreacións ou para a Internet. Calquera cousa que abrangue o abano audiovisual.

-É unha asociación dende hai tres anos.

-Comezamos un grupo de Comunicación Audiovisual e agora somos 19 socios. Hai xente de todo tipo, case todos relacionados co audiovisual. Son de Ponferrada, Cataluña, Galicia... E Baio. Iso enriquece porque son puntos de vista diferentes.

-¿Como funciona a asociación?

-Hai varios procesos. Cada ano temos a asemblea xeral na que, entre outras cousas, presentamos os proxectos feitos e futuros. Alí, os socios veñen cargados coas súas ideas, expóñense e faise unha lista. A partires de aí, un socio encárgase do proxecto. A outra liña é que un socio cunha idea se poña en contacto cos demais e, se hai dispoñibilidade, avánzase co proxecto.

-¿Por que este nome?

-Comezamos chamándonos Película Invisible, coas siglas PI. Pero, cando o quixemos rexistrar, démonos conta de que xa había un. Queríamos manter as siglas e pensamos en Película Invertida, que é un efecto que teñen os aparatos de raios X cando non funcionan ben.

-Danse a coñecer polo boca a boca.

-Todos os socios estamos no mundo audiovisual e temos os nosos contactos. O boca a boca, a rúa, a Internet e coñecer xente é o mellor xeito de chegar a ela. Comezamos facendo videoclips para grupos de amigos. Eles teñen outros colegas con grupos, e vai indo así a cousa.

-Gravaron o vídeo do festival V de Valarés.

-Eu xa coñecía o festival e un dos organizadores púxose en contacto comigo. Aínda non sei moi ben como se enterou de que estaba metido nisto, pero supoño que a través dalgunha amizade en común. Por iso é tan importante o boca a boca para nós. Con ese vídeo estamos en fase de postprodución. Poderase ver a promoción enteira, en canto lla entreguemos, na súa web e na nosa. Gozamos moito gravando as actuacións.

-¿Hai moitas ataduras neste mundiño?

-Como en todo, sempre hai influencias que marcan o camiño. Nós funcionamos dun xeito parecido a unha produtora, pero sen selo. Non temos unha liña ideolóxica concreta. Somos un grupo heteroxéneo e cada un tira cada o lado que queira co seu proxecto. Dentro deste mundo sempre se cre que tiramos cara un lado, pero non é o noso caso.

-¿Teñen axudas económicas?

-A cousa está bastante mal pola crise. O audiovisual está esquecido. É un dos sectores que máis sofre. Pero en Película Invertida sempre partimos dun presuposto cero. Por iso a crise a nós aféctanos, pero non tanto.

víctor mira directivo DA asociación película invertida