«O mercado de segunda man está en alza»

Ramón Rivera CARBALLO

CARBALLO

Seis concesionarios participan na feira Berocasión de Carballo

27 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Manel Díaz Molk é o xefe de vendas de Dimolk, un dos seis concesionarios que participan en Berocasión. A feira carballesa empeza hoxe e estará situada na zona do parque do Rego da Balsa de 10.00 a 22.00 horas.

-¿Que ofrecen este ano?

-Procuramos ter un stock o máis variado posible. Levaremos coches nacionais e de importación. Haberá uns 300 vehículos entre turismos, coupés, todoterreos, furgonetas e outros.

-¿Haberá boas ofertas?

-Todos os anos procuramos levar coches con prezos moi competitivos, pero este ano a xente tenta sacar o stock máis atrasado, polo que eses serán os coches que puntualmente leven unha oferta mellor.

-Este ano son seis concesionarios.

-Ese é o noso cabalo de batalla, que os concesionarios da comarca se animen a participar.

-¿Cales son as expectativas para esta fin de semana?

-En principio, boas. A experiencia doutros anos vén demostrando que Berocasión é para nós moi positiva. O ano pasado, no que, pola recesión económica, se prevía un baixón das vendas, foi bo. Estabamos algo preocupados polo tempo, pero non haberá problema.

-O seu gremio está a sufrir moito a crise.

-O mercado de segunda man está en alza. A recesión nótase sobre todo no coche novo. No de ocasión estanse movendo volumes maiores, polo que estamos moi animados de cara á feira.

-¿Como está o asunto das axudas?

-Por parte da Administración agora mesmo están paradas. Desde que o ano pasado se acabaron os fondos non se prorrogaron. O que si, en función da marca, podes ter algún plan.

Manel díaz Molk xefe de vendas de dimolk