«Quixemos facer algo distinto, que non fose o de sempre»

Eduardo Eiroa Millares
E. Eiroa CEE / LA VOZ

CARBALLO

Os empresarios invitan hoxe e mañá a unha comida aos seus clientes e a xogos a todos os nenos que queiran

17 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Todos os anos as asociación de empresarios poñen en marcha campañas de Nadal que ademais de promover ás vendas buscan tamén agradecer aos clientes a súa fidelidade. En Vimianzo fixérono tamén nesta ocasión, pero cunha iniciativa moi orixinal. Cada cliente que pasara polas tendas dos socios e gastase máis de 25 euros nelas levaba un vale por unha comida. Hoxe é mañá toca materializar ese vale. Fidel Roget, o presidente da asociación de empresarios local (Asemvi) conta os detalles.

-¿En que consiste exactamente a campaña?

-Durante toda a semana repartimos uns vales entre todos os socios, 25 por cada negocio, e eles os entregaron aos clientes por compras superiores aos 25 euros.

-¿E a que invitan aos clientes?

-A raxo, chourizos, viño, refrescos... Os membros da directiva cociñaremos e serviremos todos os produtos.

-¿Onde e cando é a comida?

-A actividade que temos prevista dura toda a fin de semana. Hoxe empezaremos ás tres e media, a esa hora abrirá o polideportivo. Durante toda a tarde, haberá inchables para os máis pequenos, e consolas como a Wii e a Play Station 3 para os maiores, todo gratis, e tamén algún detalle e sorpresas ao final. Haberá tamén media ducia de tendas para que os pais que van con eles poidan mercar se queren. Ás oito da tarde empezaremos a servir as ceas cos vales. Mañá abriremos o polideportivo ás once coas actividades para os nenos, a á unha e media empezaremos a servir as comidas que tamén se dará a cambio dos vales.

-¿Contan con moita xente no pavillón?

-Repartimos máis de mil vales e esperamos que veñan moitos veciños. A campaña funcionou ben. A min persoalmente houbo xente que me fixo compra para conseguir os vales e levar a toda a familia a comer.

-Trátase dunha iniciativa distinta na comarca.

-Quixemos facer algo distinto, que non fose o de sempre. Tratamos de ser pioneiros nestas cousas, como co rastrillo. O ano que vén haberá que pensar noutra cousa. A realidade é que empregamos o noso material e sen cobrarlle nada a ninguén.

fidel roget presidente de asemvi