Roberto Traba Velay presentará esta tarde o libro no que recolle os textos publicados en La Voz entre 1998 e o 2002
29 jun 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O escritor Manuel Rivas, o poeta Modesto Fraga e o delegado de La Voz de Galicia en Carballo presentarán esta tarde Crónicas de Fisterra. Contos dun tabernícola, o primeiro libro de Roberto Traba Velay, que compila os artigos que escribiu en La Voz entre 1998 e o 2002. Unha fermosa e divertida colección de textos nos que Traba presume de fisterranía e que, segundo di Manuel Rivas no prólogo, «son o tesouro de Fisterra». Engade, ademais, que as historias de Traba están «contadas dun xeito maxistral».
-A carta de presentación é incrible. Manuel Rivas di marabillas de «Crónicas de Fisterra».
-E estareille eternamente agradecido. Eu coñecíao, pero no é que tiveramos unha gran amizade, así que cando lle pedín que fixera o prólogo non imaxinei que sería tan xeneroso comigo. Estou encantado, porque parece que lle gustou e o que di do libro penso que é a mellor porta posible para que o lector entre nel.
-¿Como xurdiu a idea de recompilar todos os artigos nun libro?
-Sempre tiven a idea de recollelos e publicalos todos xuntos, sobre todo dende que empecei a publicar de novo as Crónicas de Fisterra. Pensei que os artigos podían funcionar moi ben todos xuntos, porque crean un universo de personaxes e son historias que aínda que ocorren en Fisterra son aplicables a calquera outro lugar. Creo que é un libro que conta cousas que pasan en calquera sitio e que o lector pódese identificar facilmente con el. Ademais é moi cómodo de ler.
-De entre todos hai algún que sexa o seu favorito.
-Non son capaz de destacar ningún, porque todos están escritos con moito cariño. Pero se teño que destacar algún, quizais diría que o do barco dos tolos, que era un atuneiro reconvertido nun teatro flotante, ou no que conto como íamos roubar as mazás ás hortas.
-Neles tamén hai moita opinión implícita.
-Si, nas crónicas tamén opino aínda que agora parece que para opinar tés que ser moi belixerante. Pero eu penso que con humor e suavidade tamén se pode opinar, porque o que a min me gusta é buscar a complicidade cos lectores e conseguirlles un sorriso. Hai moitas formas de protestar e non sempre ten que ser atacando. Aínda que ás veces, e tal e como está o mundo, hai que poñer á xente no seu sitio chamando ás cousas polo seu nome. Ao pan, pan e ao viño, viño.
-¿Que o que inspira as crónicas?
-Todo. O problema é que as escribo aquí, na Galería, servindo cafés e poñendo cañas e iso estrésame moito. Ultimamente, ademais, estou só no bar, así que acabo escribíndoo todo no último momento, e paso a mañá dos xoves entre a cafeteira e o ordenador. Xa avancei algo, porque os primeiros textos, os que están no libro, escribíaoss cunha máquina que tiña posta enriba dunha mesa do bar e ao lado tiña un cartel que poñía: «Oficina».