«Sempre cambiamos o percorrido para dar a coñecer as aldeas»

La Voz

CARBALLO

12 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Con dez anos ás costas, o Día da Bicicleta de Malpica gana adeptos en cada edición porque cada vez son máis os que gozan co percorrido deseñado para que o poidan facer afeccionados de todas as idades. En total serán quince quilómetros, que comezarán no centro social de Seaia e que rematarán no centro de Malpica, tras pasar por varias aldeas do municipio. Será, segundo confirmou o concelleiro de Deportes, Manuel Torrado Andrade, un percorrido doado de facer, que fuxirá das grandes costas e que incluirá algunhas paradas para retomar forzas.

-Son quince quilómetros aptos para todos os públicos.

-Lévanse moi ben e ademais están moi ben estudados e revisados coa policía local para que sexa un percorrido chan e fácil de facer.

-Cada ano cambia o percorrido.

-Si, nós cambiamos o percorrido un pouquiño cada ano porque queremos dar a coñecer as distintas aldeas do municipio e que a xente vexa sitios novos cada ano. Ademais, a saída de Malpica é bastante complicada, porque temos unha costa arriba que é boa de realizar na volta, pero que dá moito traballo na saída, así que sempre eliximos outro punto de partida, para que a xente non se canse tanto ao principio.

-Mestura deporte e turismo.

-Si, é un percorrido moi atractivo, que este ano, por exemplo, permitirá coñecer lugares como Pontella, a igrexa de Cerqueda, que é unha das máis emblemáticas do municipio, ou o dolmen de Pedra da Arca, onde tamén faremos unha pequena parada.

-¿Animarase o concelleiro a subirse tamén á bicicleta?

-Este ano non poderei participar subido á bici, pero si vou a acompañar aos deportistas. Irei no coche de Protección Civil, pendente de que todo saia ben.

-Así que aínda que non poda pedalear, non se desvincula da cita.

-Por suposto que non, porque ademais penso que unha cita moi interesante que ten que facerse moitos anos máis.

manuel torrado andrade concelleiro de deportes