Hoxe, ás oito e media da tarde, inaugura unha exposición en Vimianzo
05 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Marchou de Baíñas con 17 anos e hoxe ten 58. Non volve moi a miúdo. De feito, se estes días anda por aquí é porque, hoxe mesmo, ás 20.30 horas, inaugura na Casa da Cultura de Vimianzo a exposición From portrait to self-portrait (Do retrato ao autorretrato). O tempo e a distancia non lle fixeron esquecer o galego, no que se expresa con total corrección. Antonio Nodar é camaleónico para os idiomas, móvese ben neles, igual que no seu traballo. Percorre o mundo. Nas últimas xornadas, supervisaba en Vimianzo os detalles da súa mostra.
-Non vai ser unha exposición de corte clásico, parece.
-Non, é máis ben unha mostra do traballo que estou facendo, un proxecto no que levo traballando quince anos [en colaboración coa fundación Elsa Peretti]. Chámolle Do retrato ao autorretrato porque eu o que fago é retratar a un artista, sen preocuparme de se lle gusta ou non, e cederlle logo unha copia da imaxe para que modifique o que el queira. Teño rematado ese proceso con 700 personaxes do mundo, aínda que fotografías levo máis de 1000, pero non podía traer todo á mostra. O que fago é unha selección e, a través duns vídeos, amosar o proceso. En Vimianzo presentarei tamén o libro [impreso en gran calidade e cun peso de 6,5 kilos cada exemplar], que editei cos primeiros 242 retratos. Quería fuxir do típico, traer algo que doutra maneira non chegaría ata aquí. Pero todo moi explicativo.
-¿Ten algún matiz emotivo esta exposición en Vimianzo?
-En quince anos que levo co proxecto, fixen dúas mostras: en Barcelona, no 1997, e en Nepal, así que pode dicirse que non me gusta moito o das exposicións. Neste caso é distinto, porque foi o Concello de Vimianzo o que me propuxo isto, e é unha ilusión volver a onde naceches e ensinar o teu traballo, que che fagan caso. Por iso dixen que sí.
-¿Séntese na casa?
-Cando estas aquí, agora, xa eres alguén de fóra. Naces nun lugar, pero cando saes del e logo volves non tes aí as túas cousas, atópaste cohibido. Polo demais, interésame estar ben no momento no que estou, no día a día, co que un está facendo... Mais alá de preguntarse polo futuro, aínda que agora prense: «¿Funcionará o vídeo na inauguración?».
-Quebradeiros sempre hai na vida, e tamén na arte, supoño.
-¡Pero os quebradeiros de cabeza son o máis interesante! Eu vexo o problema como unha salvación. Os problemas significan evolución, implican cambio.
-¿É complexo un bo retrato?
-Parece que todo o mundo pode facer un, pero o que é interesante é a forma na que, neste caso, entende o proxecto o artista. Hai unha relación moi directa con el: de repente atópase facendo un autorretrato, enfrontándose a si mesmo. Entenden o que vale unha imaxe. Hai tres elementos para que o proxecto funcione: os artistas, eu e o público.
-¿Que quere dicir coa mostra?
-Ofrecer un primeiro impacto, un achegamento á imaxe que se poida entender en calquera parte do mundo. Para min é unha forma de introducir á xente na arte, de crear unha curiosidade, porque poden opinar libremente sen necesidade de seren expertos.
-¿Pódese vivir da arte aquí?
-Á xente hai que educala na arte, empezar dalgún xeito. Para traballar nela, precisas imaxinación, cultura, saír... Hai circunstancias que aquí non permitiron iso. En Nepal, por exemplo, hai unha grande tradición: familias que se veñen pintando durante cinco séculos. Vívelo na rúa. Hai xa costume de ver imaxes, arte.
antonio nodar fotógrafo nacido en baíñas e residente en londres