«As políticas culturais foron máis depredadoras que nunca»

La Voz M. VARELA, C. ABELLEIRA

CARBALLO

11 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Modesto Fraga Moure é responsable comarcal do BNG no partido xudicial de Corcubión, concelleiro do BNG en Fisterra e aspira tamén a ocupar un escano no Parlamento de Galicia. Aos seus 38 anos vén de abrir o seu propio negocio, unha libraría, moi vinculado coa súa faceta de escritor.

-¿Como leva as novas responsabilidades dentro do partido?

-A verdade é que toda responsabilidade implica certas cuestións que parecen duras de afrontar, pero tiven a sorte de contar en todo momento co apoio dos compañeiros da comarca. Nese sentido, agora mesmo estamos metidos de cheo nunha campaña electoral na que nos estamos xogando o futuro e creo que entre todos pouquiño a pouco seremos quen de ofrecer aos cidadáns cales son as nosas propostas.

-Vostede está moi vinculado ao mundo cultural, ¿como valora as políticas da Xunta nestes anos nese eido?

-Penso que foron as máis depredadoras que nunca se practicaron, nin sequera durante o goberno de Fraga se atacou tanto a cultura neste país. No sector do libro, que é o mundo no que eu me movo, está atravesando unha situación tremendamente delicada. Non se apoiou nada o teatro, e as outras manifestacións artísticas tamén están sufrindo esa política de recortes que nos está a levar a unha situación absolutamente de emerxencia.

-As enquisas falan do fin do tripartidismo no Hórreo. ¿Cre que as escisións do BNG lle van pasar factura?

-Eu, francamente, penso que non. Estou convencido de que o BNG vai ter un resultado extraordinario nestas eleccións, porque é o único partido que se manifestou sempre de xeito contundente e con coherencia. Se os galegos cremos realmente nas nosas potencialidades, o BNG é a única alternativa.

modesto fraga moure número 10 do bng