Tras unha longa enfermidade finou Manuel Veloso, o muiñeiro, un dos pioneiros do fútbol en Baio, o da foto da portada do noso libro Historia do C. D. Baio e da Liga da Costa (1989). Polo que el me relatara, a afección polo fútbol viñéralle sendo rapaz vendo os partidos do Campo do Campamento da Cacharosa entre os soldados de Artillería e de Infantería.
Non hai moito que volvemos escribir deste campamento militar, instalado en Baio polo goberno de Franco en 1943, porque se temía un desembarque -aliado ou alemán- na Costa da Morte; desmantelaríase a toda présa uns meses despois do desembarque de Normandía de xuño de 1944. Anos despois, Veloso formaría parte da comisión fundadora do C.D. Baio, xunto co mestre Antonio Platas Reinoso -pai do actual decano do Colexio de Avogados da Coruña-, Francisco Alcaraz e Evaristo García, os tres xa falecidos hai bastantes anos. Eles lograrían habilitar en Baio Pequeno o estreito Campo do Valongo, por 1957, e despois (contra 1959) a cesión gratuíta do Balsiño na Piroga (Bamiro) por parte de Lucinda Varela de Morgade (nai do poeta en galego Teodoro Morgade). Nel xogaría o Baio ata a construción do campo actual, o Platas Reinoso, na zona de Su a Agra (1989).
Veloso tamén xogaría como federado na primeira temporada oficial da Liga da Costa (1963-64). Xogaba de extremo, e no noso libro figuran graciosas anécdotas do seu xogo contadas por amigos seus: a máis famosa, a súa xogada típica polas bandas (contada por Paco da Porteira); como adestrador do Baio, a dos números das camisolas en exacta correspondencia coa situación do futbolista no terreo de xogo. Tamén houbera no libro un apartado especial para o seu muíño, que rexentaba con seu pai, situado na Piroga, a carón da ponte. A «oficina» do Muíño de Veloso era o verdadeiro sancta sanctorum do fútbol baiés, pois nel gardábase o material deportivo -botas, camisetas, balóns? (e o famoso farol vermello o tempo en que foi propiedade do Baio)-. Os luns líanse os periódicos deportivos (Riazor, Faro Deportivo, Marca?) e recreábanse as xogadas do partido do domingo. Máis dunha vez algún dos muíños da «molinera» -así a chamabamos, se cadra porque funcionaba coa electricidade e non con auga- moía fino de máis por estar o dono enfrascado na parola.
No libro botara en falta unha foto, a do muíño de Veloso, e o verán pasado fun falar con el para que ma facilitara, pois non quería que faltase na publicación dos 50 anos. Así o fixo axiña, con suma amabilidade. Infortunadamente el xa non vai poder ver este libro, e ben que o sentimos. Hai uns anos sometérase á sesión fotográfica do amigo José Manuel Casal no Platas Reinoso, empeñado en repetir a pose de cincuenta anos atrás, co balón baixo o pé dereito e as mans en asas. Así o queremos lembrar, cun balón nos pés e a mirada directa. Descanse en paz e vaia o noso pésame á súa familia.