
O alcalde e o reitor asinaron onte o convenio para o vindeiro curso de verán sobre dinamización do galego
05 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.O Concello de Carballo e a Universidade da Coruña están a procurar «novos escenarios» de cooperación. «Intentaremos buscar máis fórmulas de colaboración, porque, ao igual que co idioma, tamén temos a obriga da defensa do ensino público e da universidade galega», subliñou o alcalde, Evencio Ferrero, durante o acto formal da sinatura do convenio para o vindeiro curso de verán Traballando en Lingua, que dende hai nove anos vén convertendo a capital de Bergantiños nun lugar de referencia da dinamización lingüística e que nesta ocasión desenvolverase do 17 ao 19 de xullo.
Grazas ao proceso de «descentralización» das actividades da UDC ao que se referiu o director do curso, Xosé Ramón Freixeiro, no 2012 celebráronse en Carballo tres talleres de verán. Dous deles terán continuidade este ano, porque para xullo tamén está previsto o de turismo, que chega á terceira edición. Pero o obxectivo é «reforzar» a presenza da universidade no municipio e «estender esta colaboración a todo o ano», engadiu o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira.
«Temos que tratar de estender a colaboración -corroborou o reitor da UDC, Xosé Luís Armesto-, porque estamos en momentos complicados. Os servizos públicos están en cuestión por algunha xente e temos que seguir colaborando para garantir o dereito á educación e que os mozos poidan acceder á formación superior en igualdade, porque sen igualdade non hai liberdade».
Polo momento non están definidas as áreas nas que podería encadrarse esa futura cooperación, pero o reitor agradeceu a iniciativa do goberno carballés para indagar nas posibilidades que ofrece a xestión municipal. Pola súa banda, Evencio Ferrero destacou que o Concello «sempre se interesou nese achegamento á universidade galega», e mesmo elucubrou coa posibilidade de que as iniciativas que se promovan poidan servir de exemplo no futuro a outras localidades.