César Portela: «Eu estou namorado de Fisterra»

Cristina Abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O arquitecto pontevedrés di que o Cabo é un lugar para «encontrarte contigo mesmo»

14 jul 2013 . Actualizado a las 07:05 h.

Ao longo da súa vida, César Portela (Pontevedra, 1937) ten construído unha arquitectura pública, a dos forxados, o formigón e a pedra, e outra privada, a do pensamento. Pero tanto a unha coma a outra susténtanse sobre os mesmos piares: o sentido común e o coñecemento do medio. «A xente hoxe en día non coñece o medio, e moito menos se coñece a si mesmo», reflexiona. Hai uns días participou en Carballo nun curso de verán da UDC que lle deu a oportunidade de falar dun dos seus amores: Fisterra.

-A Fisterra tenlle dedicado cualificativos coma excepcional, marabillosa, extraordinaria... ¿Todo iso é Fisterra para vostede?

-Realmente eu estou namorado de Fisterra, e creo que non é un capricho meu, senón que o merece, porque é un lugar excepcional. É como unha avanzadilla de Galicia sobre o mar, ese lugar extremo onde case acaba a terra e empeza o mar. Son lugares únicos, que por algo se chamaron fisterras, que emocionaron a gran parte da humanidade ao longo da historia. Non en vano viñan aquí porque vían esa posta de sol que é un golpazo sobre o mar, é impresionante. A min paréceme que che fai reflexionar, e pensar en moitas cousas, e pensar en ti mesmo, encontrarte contigo mesmo. Perdemos o tempo con parvadas, e esas cousas que realmente son excepcionais, e que ademais son gratis, non as gozamos.

-¿Á parte da persoal tamén lle provoca unha reflexión sobre o que debe ser o territorio?

-Claro. Eu digo na introdución do plan especial do Cabo que Fisterra é un lugar sagrado no mellor sentido da palabra, é un lugar no que hai que ter moito coidado co que se fai alí, porque estamos afeitos a chamarlles lugares sagrados a igrexas ou lugares de culto, pero hai lugares na vida das persoas, no territorio que pisamos, que deberían ter esa consideración, e case entrar de puntillas, de xeonllos, un pouco por respecto a esas cousas tan marabillosas.

-Pero non sempre foi así. Non hai tantos anos que o Cabo era un vertedoiro. ¿Aprendemos algo?

-Do vertedoiro hai vinte anos, pero poñelo aí, na época que sexa, é unha falta de comprensión de onde estás. Hai mil lugares por Galicia adiante que son vertedoiros, máis grandes ou máis pequenos, ves unha lavadora tirada, un colchón, restos de obra... É un desprezo total, unha falta de valoración do lugar que é moi preocupante. Pero iso tamén se dá na arquitectura, casas dun mal gusto tremendo nun sitio precioso.... É unha falta de sensibilidade que creo que noutra época si se tivo, porque como a xente vivía do campo sabía o importante que era respectar e acertar coas cousas. Esa intuición e ese saber moverse polo territorio que en Galicia tradicionalmente existiu, perdeuse, a xente marchou para as cidades e abandonou o territorio, e agora non ten esa conciencia.

-¿Pensa vostede tamén, como moitas voces que se oen dende que empezou a crise, que pode ser unha oportunidade?

-Iso penseino ao principio, pero agora non son tan optimista, polo menos no meu sector. Pensaba que toda esa xente que se meteu no terreo da construción porque había ese bum e que non sabía construír iría para outros sitios, pero vin como a crise tamén arruinou a moita xente que era moi boa, moi bos albaneis, moi bos carpinteiros, moi bos canteiros... Todo pasa porque se saiban aproveitar as circunstancias. Penso que unha crise é un momento moi bo para reflexionar e para ver que cousas son importantes e que cousas non, pero se non se reflexiona pode ser peor, porque pode levar a que haxa moita xente parada, moita xente que o pase mal, e que se non se canaliza iso de maneira positiva pode acabar convertendo un país en crise nunha selva.

-¿Está canso, despois de tantos anos, de que lle sigan preguntando polo cemiterio de Fisterra?

-É unha obra da que estou moi orgulloso, o que pasa é que por unha serie de circunstancias non se puxo en funcionamento, pero no Concello téñenme comentado que non hai semana na que non chegue unha carta ou un escrito de xente preguntando que hai que facer para enterrarse alí. Eu, dende o punto de vista profesional estou moi satisfeito, é unha obra que me gusta moito, e teño, e iso que non colecciono, máis de douscentos libros que falan do cemiterio de Fisterra. É unha obra da que estou moi orgulloso e gustaríame que non entrara en funcionamento porque non morrera ninguén, pero como a xente morre tamén me gustaría que cumprira a súa función, porque se fixo para iso.