
Coa ilusión de estar facendo un xusto recoñecemento a quen promove o uso do galego, pero tamén co convencemento de que a existencia dunha celebración así constitúe un síntoma de que aínda queda camiño por andar, a Mesa pola Normalización Lingüística entregou onte en Carballo o seu segundo galardón Abertos ao galego. A cita xuntou aos mundos da cultura e da empresa e converteuse nunha reivindicación do papel que a segunda pode xogar a prol do idioma ao tempo que nunha chamada de atención para aqueles empresarios que seguen sen apostar por el, tal e como sinalou Carlos Callón, presidente da Mesa.
A música da artista de ascendencia palestina, pero comprometida tamén coa súa galeguidade, Najla Shami -que actuou acompañada ao acordeón por Marcos Padrón-, abriu e pechou esta celebración, na que o homenaxeado foi Lorenzo López, fundador e xerente de San Luís.
Tras reabrir recentemente esta veterana cadea de establecementos de electrodomésticos e facelo ademais empregando o galego por bandeira, López sinalou que o seu auténtico mérito foi hai xa «30 ou 35 anos, cando todas as axencias nos dicían que facer a publicidade en galego era unha tolemia e aínda así chegamos a ser líderes».
O empresario reafirmou o seu compromiso co idioma, empregou unhas verbas de Castelao para destacar a importancia da «cultura da aldea», agradeceu o apoio dos seus empregados e, especialmente, da súa dona, Rosa, e concluíu a súa intervención sinalando que nestes «intres de renuncias, non se debe actuar como apátridas, senón como defensores do máis importante que ten o noso país, a súa lingua».
«Todos temos patria e nós temos que apostar pola nosa», dixo Callón recollendo o fío de Lorenzo López e sinalando que neste caso o agradecemento ao empresario é dobre porque non se limita só ao seu papel como defensor o galego, senón tamén ao feito de terse embarcado nunha aventura que permitiu crear un cento de postos de traballos en Galicia e algúns máis aínda en Madrid. Isto, destacou Callón, é a proba do potencial do idioma: «Exerzamos un consumo responsable e apoiemos a aquelas empresas que apostan pola nosa cultura porque se non o facemos nós quen o vai facer», sinalou antes de que tomase a palabra o alcalde carballés, Evencio Ferrero, que enfrascado xa na preparación do debate dos orzamentos municipais para o próximo ano non puido evitar falar das contas para salientar o compromiso da localidade coa cultura. «A cultura tamén é economía e o galego é o idioma que nos é propio, que sempre falamos e defendemos e que temos que promocionar», engadiu o rexedor, quen tamén lembrou a modo de anécdota, que nos actos celebrados na Casa Branca o pasado 12 de outubro «Obama brindou cun viño mencía etiquetado en galego».
A atropelada condución da humorista Isabel Risco, que mesmo estivo a piques de deixar ao alcalde sen intervir, puxo a nota de humor a unha velada que rematou como comezara, coa sentida interpretación de Najla Shami, que alternou composicións propias con outras inspiradas nos versos de Rosalía e que por momentos foi seguida con palmas polo público, entre os que se atopaban varios concelleiros do equipo de goberno (Milagros Lantes, Mar Eirís, Belén Lendoiro e Xosé Regueira), o responsable comarcal do BNG en Bergantiños, Xoán Sande, e representantes do mundo da cultura local, coma Farruco Fraga ou Xan Fernández Carrera.