
Participará o venres en Cabana nun acto en memoria de Manolo de Xusto
21 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Este venres, coincidindo co 25 cabodano do gaiteiro Manuel Cousillas Baña, Manolo de Xusto, o Concello de Cabana renderalle homenaxe cun acto no que participará Antón Luís Santamarina Fernández (A Fonsagrada, 1942), catedrático de filoloxía e coautor xunto con Dorothé Schubarth do Cancioneiro Popular Galego, unha obra clave na que Cousillas colaborou como informante.
-¿Que lembra daquel proxecto?
-Eu realmente axudeille pouco a Dorothé. A autora do Cancioneiro, a que fixo o traballo principal e quen investigou máis esa zona de Bergantiños foi ela; eu asistín a algunhas sesións nas que ela estaba facendo o traballo de campo, pero máis ben a poucas porque eu son do oriente da provincia de Lugo. Do que me acordo moito é que esa zona de Bergantiños foi moi explorada e percorrida por ela.
-¿Iso debeuse á importancia da tradición popular na zona?
-Si, si. Porque por aí é por onde hai a tradición das regueifas, esa poesías repentizadas nas que improvisaban os intérpretes.
-¿Que importancia tivo esta obra pioneira?
-Realmente, máis pioneiros foron os traballos de Sampedro y Folgar de principios do século XX, e despois, nos anos 30, o de Tornel e Bal y Gay. O noso foi un pouco tardío porque nos anos 80, cando se fixo esta investigación de campo, xa había menos informantes dos que había nos 30. De todos os xeitos fíxose un percorrido xeral por toda Galicia e creo que nunca se fixera unha cousa parecida, de maneira tan sistemática e con tanta abundancia de melodías e letras recollidas.
-¿Como foi aquel traballo?
-Eu fun un colaborador máis ben no aspecto lingüístico porque quen transcribiu as melodías foi Dorothé, pero practicamente seguía o seu traballo a diario porque cando viña cunha colleita poñiámonos no meu despacho a debullar copla por copla.
-¿Segue interesado nestas tradicións hoxe en día?
-Sigo pendente como unha persoa interesada polo folclore galego, pero desde os anos noventa e pico dedícome a outras cousas.
-¿Está ao tanto da súa saúde actual?
-Séguese conservando e de feito despois do Cancioneiro noso houbo moitos. Hai grupos que están facendo un peinado sistemático da provincia de Ourense e na Coruña Manolo Rico tamén fixo un cancioneiro. Hai moita máis xente recollendo e moitos dos seus informantes son os mesmos que tivera Dorothé.
-¿Pódese dicir que este patrimonio cultural xa acadou o recoñecemento que lle faltara noutras épocas?
-Eu creo que si. Non o digo por min, pero o de Dorothé foi un traballo moi grande porque ela veu vivir aquí dunha maneira moi espartana, percorrendo Galicia dun lado para outro e poñendo a súa ciencia a disposición deste país. Se non fora por ela este Cancioneiro non se tivera feito nunca. Foi un traballo impagable.
-¿Xa participara nalgún acto semellante ao que terá lugar o venres en Cabana?
-É a primeira vez que me chaman para un acto así e paréceme moi ben que se recorde a esta xente porque foron depositarios dun saber e con moita xenerosidade ofrecéronllo a esta muller, perdendo horas de traballo, aínda que eles tamén o pasaban ben.
-¿Como acollían eles o feito de que alguén se interesase de xeito científico por este saber popular?
-Ao principio chocáballes un pouco, pero despois acababan entrando no xogo de competir a ver quen sabía máis.