Os galardoados nesta ocasión foron os establecementos hostaleiros Pementa Rosa, Escaravello e O Cepo
18 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Cunha semana de adianto sobre a data oficial, o BNG de Bergantiños comezou a celebrar onte en Carballo o 25 de xullo coa entrega dos seus galardóns Patria e Lingua.
O responsable comarcal da formación nacionalista, Xoán Manuel Sande, abriu o acto lembrando que estes premios naceron hai xa máis dun decenio para recoñecer a aqueles negocios «que usan a nosa lingua para as súas actividades de xeito normal» e explicou que cos tres de onte xa son preto de 40 os negocios premiados neste tempo.
Antes de ceder a palabra a Isabel Risco, mostrou a súa solidariedade co pobo palestino e denunciou o «auténtico xenocidio criminal» que está a sufrir por parte de Israel.
A actriz e candidata do BNG aos pasados comicios europeos combinou a mensaxe política coa súa irrefreable bis cómica para sinalar o paradoxo de que existan uns premios que recoñecen o compromiso de tres establecementos «que fan de xeito normal algo que aínda é anormal, pero que non debería selo» e tivo duras palabras para os responsables desta situación: «Isto só é posible nun lugar no que quen nos mandan, aínda que nós non lle facemos nin caso, está trastornado». «Ir contra o noso idioma é como tirar pedras contra a Catedral de Santiago», engadiu Risco para reiterar a importancia dunha lingua «que é nosa, que ábrenos as portas a moitas partes do mundo e sitúanos nel; é un patrimonio a defender».
Tras estas verbas chegou o momento de homenaxear aos tres establecementos premiados, cuxos propietarios foron obsequiados con sendos gravados da artista Lola Oviedo, presente tamén no Pazo carballés.
Bruno Lodeiro Bello, responsable do bar O Cepo de Paiosaco, que abriu as súas portas hai xa tres anos, recibiu o seu galardón de mans da concelleira do BNG larachés Carolina Castiñeiras. Xosé Manuel Pose Lema, voceiro nacionalista en Laxe, entregou o premio a Anxo Ramos Rivera e Víctor Mira Reymúndez, propietarios da cervexería Escaravello de Laxe, que mañá celebrará o seu primeiro aniversario cunha gran festa. E o alcalde carballés, Evencio Ferrero, fixo o propio con Rocío Martínez Rodríguez, xerente do restaurante Pementa Rosa.
O acto serviu tamén para que os nacionalistas fixeran un chamamento a participar a semana que vén nos actos do Día da Patria Galega e no festival Festigal.