«A miña ilusión é ir a unha marea e facer funambulismo»

Manuel Rey
Manuel Rey CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A actriz presentou onte en Carballo a entrega dos galardóns Patria e Lingua, que premian a empresas que usan o galego

18 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A actriz Isabel Risco (A Coruña, 1975) foi a mestra de cerimonias dos premios Patria e Lingua, que onte entregou o BNG de Bergantiños a empresas que promoven o uso do galego na comarca.

-¿Por que actividade humanitaria destacou o Rubio de Camelle?

-Por rescatar a varios percebes de morrer afogados.

-¿Verbena ou foliada?

-Empezar en foliada e logo seguir coa verbena.

-¿Cal foi o primeiro faro electrificado de España?

-O faro de Fisterra.

-¿Cando foi a última vez que puxo unha tixola ao lume?

-Onte, cunhas patacas.

-¿Cal é o produto máis famoso do verxel de Bergantiños?

-A pataca que puxen onte na tixola. Eran de Coristanco.

-¿Un defecto?

-¿Un nada máis? Empanada mental. É o que máis se repite, pero teño polo menos cinco ferrados de defectos.

-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?

-Fisterra.

-¿Que templo podería ter o tellado de ouro se quixera?

-O Taj Mahal.

-¿Que libro está lendo agora?

-Tres mulleres galegas de armas tomar (María Balteira, María Castaña e María Soliña).

-¿Que dous lugares do Concello de Zas teñen nome de hortaliza?

-O Allo e A Cebola.

-¿Un soño por cumprir?

-Facer funambulismo ou subirme nun andamio ou ir a unha marea, que non ten moito que ver, pero son dúas cousas de vertixe.

-¿Onde morreu Fernando Blanco?

-Francia, Arxentina... ¿Cuba?

-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?

-¿104? ¿108?

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Todo mesturado. Que cada un vaia como lle pete.

-¿Quen foi Evaristo Martelo?

-Un gran carpinteiro.

-¿Churrascada ou sardiñada?

-As sardiñas de aperitivo e despois seguir co churrasco.

-¿Que traxedia acabou con Man, o alemán de Camelle?

-O Prestige, a maior catástrofe ecolóxica do mundo.

-¿Mar ou río?

-Prefiro o mar, pero ás veces tamén me gusta moito meter os pés no río para refrescalos. E unha fervenza, moito mellor.

-¿Como se chama o bar de Carballo onde naceu Alfredo Brañas?

-Estiven alí pero non recordo o nome. A casa das Brañas.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-Remataría en Fisterra, pero pasar por Muxía, quedar alí un anaco. Ir á Barca, meterme por debaixo da Pedra dos Cadrís... E logo xa tiro para Fisterra. E dar a volta e volver a empezar.