«Os recordos que teño da Carballeira son moi positivos»

m. r. / á. p. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

Ángel Manso

O músico, que volve esta noite a Zas para presentar os temas dos seu disco «Sotaque», augura unha «auténtica festa»

02 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Carballeira de Zas foi un dos primeiros escenarios aos que Xosé Manuel Budiño (Moaña) levou hai xa 16 anos o seu primeiro disco, Paralaia. Tras ter regresado como colaborador dalgún artista, como Kepa Junkera, hoxe volve como cabeza de cartel, xunto con John Whelan, da 31ª. edición desta cita xa capital na escena folk galega.

-Coñece ben o festival.

-Si, claro, porque ademais son un gran admirador do festival, do entorno e de todas as persoas que o fan posible. Dalgún xeito están reeducando á xente co concepto que teñen do festival: como unha festa cun espazo acotado e unha entrada simbólica. A estas alturas poder facer iso paréceme algo de agradecer. Eles están todo o ano traballando e facéndoo con criterio para confeccionar o cartel e aí está a resposta do público: sempre se enche.

-¿Que supón actuar nun entorno como o da Carballeira?

-Os recordos que eu teño das dúas ou tres veces que teño tocado en Zas e dalgunha máis que fun como visitante son moi positivos. Vin á xente moi entregada e con ganas de escoitar boa música. Ademais, tes a opción de quedar alí a durmir e de estar ben alimentado toda a noite para aguantar ben a batalla.

-¿Como será o concerto?

-Temos preparado un concerto especial para Zas e ademais cunha banda de auténtico luxo como é poder tocar con Isaac Palacín nas percusións, con Fernando Barroso no bouzouki, Alfonso Merino ao violín e cun convidado moi especial para esa noite, como é Xabier Díaz coa súa voz e as súas percusións. Levo unha banda con moita enerxía e cun repertorio preparado para Zas no que desde o primeiro ata o último momento quero que a xente estea pasándoo ben e gozando. Tocarei temas do meu último disco, Sotaque, pero tamén faremos algúns temas da música tradicional que todo o mundo vai poder recoñecer e bailar. A carballeira vai ser unha auténtica festa.

-Xabier Díaz estivo o ano pasado na Carballeira con Berrogüetto e foi profesor en Zas así que terá un bo guía.

-Xabier é un bo guía e é clave neste verán no que está facendo algúns concertos comigo porque el ten toda esa sabedoría da música tradicional que mamou desde moi novo. É evidente que coas súas melodías ten un impacto que non quería deixar pasar e por iso quería que estivera comigo en Zas.

-No novo disco hai moitas colaboracións

-Si, eu quería facer un disco cunha banda reducida, que me acompañara en directo onde basicamente houbese percusións galegas, voces e as miñas gaitas e algunhas cordas, pero si quería contar con amigos para que cantaran nos temas con letra. Un deles é Luis Tosar, que canta un poema de Celso Emilio Ferreiro que se chama Hoxe canto en libertad, outro é Antonio Zambujo, que ademais foi quen me deu o título de Sotaque. El estaba cantando unha canción con letras de Carlos Blanco, pero estaba moi preocupado polo acento co que estaba cantando unha canción en galego sendo el portugués e nun momento dado preguntoume, ?¿que tal Budi, gústache o meu sotaque??, e todos os que estabamos alí no estudio nos quedamos con esa palabra e xa foi de cabeza que tiña que ser o título. Tamén convidei aos cantareiros de O Fiadeiro e a un gran amigo de Manchester, Michael McGoldrick, que na Carballeira de Zas o coñecen seguro de estar colaborando moitos anos con Capercaille, dos seus proxectos en solitario e de ter tocado con Mark Knoppfler e Bob Dylan.

-E volve colaborar con Carlos Blanco.

-A colaboración con Carlos naceu hai xa dez anos, cando o chamei para que participase en directo nun concerto. De aí saíu o espectáculo iLalelo co que estivemos todo un ano por aí, eu a modo de J, non de DJ e el rapeando. Foi divertidísimo e eu puiden levar aos escenarios a faceta do estudo de gravación e da electrónica.

xosé manuel budiño gaiteiro