Armando Requeixo animou aos ceenses no seu pregón a perderse polas casetas da Feira do Libro, e a gozar da celebración
15 ago 2014 . Actualizado a las 18:14 h.«Boa xornada e felices lecturas», díxolles onte pola mañá Armando Requeixo aos ceenses no pregón co que inaugurou a Feira do Libro, organizada en paralelo ás festas da Xunqueira. Seguen en marcha: hoxe cun dos días máis grandes. Profesor, crítico literario, docente, autor do libro Xosé María Díaz Castro, vida e obra, entre outras moitas ocupacións, Requeixo tivo un recordo para a primeira vez que chegou a vila, aló polo 1997 e diante do alumnado do colexio Fernando Blanco, «unha marabilla do século XIX». O pregoeiro lembrou o importante legado deste benefactor, mesmo os laboratorios do centro e incluso lles contou aos presentes onte na Praza da Constitución que naquela visita falou de Ánxel Fole. Requeixo amosouse contento «por regresar a este pobo», unha vila que deixou marcado o seu nome na cultura.
Habería que falar, como así falou o pregoeiro, de Francisco Mayán, «quen foi alcalde de Mondoñedo e ademais cronista oficial da miña cidade». Armando é, pois, mindoniense. Tratando de libros, non se esqueceu de lembrar que a biblioteca municipal de Cee leva o nome dese intelectual, nin tampouco faltaron nas súas verbas tempo para Domingo Antonio de Andrade e outros grandes persoeiros. Aludiu á vida cultural ceense e mesmo puxo a Feira do Libro que el onte deu por comezada como piar de vila viva e dinámica. Aludindo a anteriores pregoeiros, como Ceferino Díaz ou Xosé Neira Vilas, dixo que ocupar este cargo supón «un honor e tamén unha responsabilidade».
Animou a quen escoitaba as súas palabras a que, cando estas rematasen, se dispersasen polas casetas e mesmo marchasen para os fogares cun novo libro. Dixo Requeixo que os servizos culturais nos fan «máis libres e por tanto máis felices» e que mesmo as vidas que se contan nos libros nos fan «máis humanos», pola súa capacidade para transmitir outras realidades, pola súa maxia. Citou, ademais, a facultade que poderían ter de cambiar o mundo e de «crear unha reacción en cadea todo ao seu redor». Falar de libros, dende Cee, levou ao pregoeiro mencionar a autores locais: Bahamonde, María Lado, María Canosa, Rafa Villar, Miro Villar, Concha Blanco... Todos teñen nova obra. Non quixo ser pesimista: «En Galicia, afortunadamente, o movemento creativo é suficientemente amplo para satisfacer a demanda literaria». Finalmente, Requeixo rematou lembrando a Díaz Castro, a quen este ano se lle dedica as Letras Galegas.
«Tesouros adormecidos»
Antes da súa intervención, falou a edila de Cultura, Mabel Fernández: ela lembrou o percorrido desta Feira do Libro que remontou a 1978 e que logo atravesaría altos e baixos ata chegar ao 2006, dende o cal se celebra sempre. «O mes de agosto non ten sentido sen A Xunqueira», apuntou, complementada «por unha grande oferta cultural». Tamén ela animou aos ceenses a buscar «tesouros adormecidos nas casetas», e logo gozar deles no inverno que queda por diante.
10.00. Pasarrúas
13.15. Concerto da Banda de Música de Cee. Paseo central da Alameda.
14.30. Orquestra Ismael na praza Domingo Antonio de Andrade
21.00. Concerto da Banda de Música de Cee. Paseo central da Alameda.
23.00. Orquestra Ismael e concerto de Seguridad Social. Praza Domingo Antonio de Andrade.
24.00. Fogos de artificio. Cando rematen, seguirá a verbena.
Feira do Libro: dende as 12.00 ás 14.00 horas e dende as 18.00 ás 22.00.