«Estar á altura dos xa premiados co Xograr de Outono é un honor»

CARBALLO

J.M.CASAL

Di que o galardón é un recoñecemento ao mundo do teatro de títeres

24 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Eduardo R. Cunha, Tatán, (Redondela, 1954), recibirá mañá ás 21.00 horas o premio Xograr de Outono do FIOT deste ano. Rodríguez fundou a compañía Tanxarina Títeres hai máis de tres decenios. É titiriteiro, actor, alentador deste teatro e dos primeiros festivais de marionetas en Galicia, como o de Redondela. Todo iso recoñéceo este premio, que en anteriores anos obtiveron Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago, Alberto Gende e Xosé Manuel Olveira, Pico. Un pouco antes do 1974 Tatán facía a súa primeira «peciña de teatro». No 75 integrou con Suso de Toro, en Santiago, a compañía Pepa Loba, «reivindicativa da galeguidade e da bandeira galega». No seu espectáculo A revolta dos irmandiños gañaban estes. Tras formarse en Barcelona, tempo ben aproveitado, volveu a Galicia para quedar, fundando Tanxarina no 1983: xa levan unha boa morea de espectáculos. Tamén fixo cine, participou en series, impulsou e colaborou con compañías teatrais...

-Pregunta obrigada: ¿Como recibe este premio do FIOT carballés?

-É un orgullo, un pracer. Primeiro porque vén de parte dun festival moi importante, de moitos anos, que é un referente. Segundo, porque mo conceden os propios colegas, tamén os anteriores Xograres, e estar á altura dos que xa foron premiados é un honor. Creo que se recoñece non só a min senón á traxectoria de Tanxarina. Contribuíuse dalgún modo a reforzar a estrutura teatral de Galicia dende a compañía e dende as asociacións ás que pertencemos, como pode ser agora Escena Galega. Quizais todo iso veu a fortalecer a miña xograriedade, pero é un premio que quero que repercuta en toda a xente que colaborou estes anos. A Carballo irei acompañando da miña moza e señora e dun compañeiro e socio de Tanxarina, Miguel Borines, que agora está en Serramoura [fai o papel de Moncho]. Vou pasar unha boa noite, cear e incluso durmir.

-Pois actúa a compañía Voadora, o menú semella moi atractivo.

-E oxalá o comamos todos felices [ri]. Estou felicísimo de estar aí, de verdade, nós tamén organizamos festivais... En Carballo actuamos e saímos moi contentos, pagou a pena, así que agradezo que se acordasen de nós, por máis que sempre fomos unha compañía local, de Redondela, pese a ter pasado por América, España, Portugal e parte de Europa. Parece que todo desaparece cando a obra de teatro acaba, pero ves que non, que dalgunha maneira se contribúe á cultura do país, ao ocio da xente, que ten dereito a gozar, ten dereito ás emocións... Isto é un recoñecemento ao mundo do teatro de títeres, porque nós somos actores: o que caracteriza a Tanxarina é o teatro actoral e o manexo de títeres de todo tipo.

-Cando un pensa en títeres, case sempre lle veñen a cabeza espectáculos para nenos, pero non.

-Vimos reivindicando dende o 83 que o teatro de títeres é teatro, teatro en maiúsculas, para nenos ou adultos. Esa panorámica hoxe en día está salvada. Antes a palabra ?titiriteiro? incluso tiña un matiz despectivo, pero titiriteiro é quen manipula, constrúe e actúa con títeres.

-¿Como vai este mundo? Parece un momento bo, hai certo optimismo...

-O momento bo logo dunha decadencia sempre queda aínda por debaixo da normalidade. Dende o 83 participamos de moitos procesos, a creación do CDG, a primeira asociación de titiriteiros, o primeiro festival de títeres en Mondoñedo, a creación da Escola de Arte Dramático de Vigo, que aínda segue reivindicando a categoría de superior... A ilusión e as ganas permiten que se sigan facendo cousas, pero moitas veces en situacións difíciles e iso non debería acontecer. Habería que estabilizar a programación, con presupostos dignos, teatro todo o ano, porque se caen e fallan, o público acaba por faltar. Como vicepresidente de Escena Galega acudo a reunións entre sindicatos, actores e compañías, e tampouco pode ser que non se respecten convenios. Iso hai que reivindicalo. As cousas, logo, non van tan ben como deberían.