Apolítica urbanística reflicte as liñas estratéxicas que marca un goberno para o seu territorio, neste senso a Xunta leva aprobado diversas directrices territoriais -descoñecidas pola cidadanía e alcaldes- que se traducen no lema da presentación da nova Lei do Solo: «O futuro dun país non se improvisa».
Do mesmo xeito tódolos concellos deben coñecer as súas orixes, as fortalezas, ameazas e debilidades que presentan e as oportunidades que poden explotar, evitando a improvisación.
Con estratexias claras que saiban canalizar as singularidades municipais e que non varíen cos cambios de goberno, calquera concello pode avanzar con pé firme e sen malgasto dos seus recursos materiais e naturais.
Se, pola contra, camiña segundo as ocorrencias dos distintos alcaldes e sen estratexia clara dará bandazos que non favorecen o crecemento sustentábel, obrigando aos cidadáns a emigrar por falla de oportunidades e devorando recursos que non son explotados adecuadamente.
Debemos meternos na cabeza que pertencemos a unha Eurorrexión e as estratexias deben ser compatibles, complementándose as distintas singularidades dos microterritorios, e todos os diagnósticos indican que os sectores que hai que perfeccionar de cara ao futuro son o industrial e o primario, sendo preciso mellorar a planificación agrícola e gandeira, que debe camiñar cara á excelencia dos produtos ecolóxicos e os seus derivados así como á gandaría extensiva e a madeira como fonte de riqueza dos nosos bosques, lonxe da política forestal do eucalipto que nos empobrece máis.
Todos estes nichos de xeración de emprego deben ter a súa tradución nos plans e normas urbanísticas, de modo que en vez de impedimentos legais os emprendedores teñan vantaxes para o seu estabelecemento no rural. A nova lei fai un pequeno aceno ao mundo rural, pero probablemente insuficiente para a flexibilidade que precisa, tanto na determinación dos parámetros das aldeas (núcleos rurais) como para as explotacións, pero tamén carece de parámetros que fomenten o rigor necesario para conseguir construcións harmónicas que permitan o goce da paisaxe que o turismo esixe.