De recú

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

21 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos temas que sempre saen nas campañas electorais é o cambio de modelo, de patróns, no rural, e que se pode artellar para evitalo. Ou frenalo.

Efectivamente, van desaparecendo os patróns. Todos: os xeitos da vida e os donos da casa, último enlace cun modelo tribal de séculos. As respostas acostuman a entrar en cuestións sociais e económicas. Os grandes temas. Os miudiños, que se contan por centos, son os de cada un, e nunca saen.

De entre esa milleira de cousiñas que desaparecen eu botarei de menos o paso á madurez mecánica. Un concepto case impensable nos tempos de hoxe, nos que os vellos tractores son conducidos na súa maioría por xente maior (os mozos que traballan no sector xa levan esas inmensas moles que corren máis ca un coche, pero non é o caso do que falamos). A madurez mecánica viña cando aprendías a manexar na leira e nas pistas un tractor e, atención, a darlle de recú co carro posto. Si, parece unha tontería, pero nunca sentín máis garbo en dez anos que cando nunha esfolla tiven que facer unha especie de rali posterior esquivando con habilidade os cestos de espigas. Máis contento que Harrison Ford co seu halcón milenario fuxindo da flota imperial. Era outro nivel. De súpeto, o volante era teu, a máquina tamén, e todo fluía. Daba igual a falta de dirección asistida, ou a absurda orde das marchas: empatía plena. Logo había graos, claro. Coller a Derbi campeona del mundo de tres marchas e cargar cunha caixa de cervexas sobre o depósito e outra detrás. Ollo: con 13 ou 14 anos. Hoxe actuaría a fiscalía. Tamén o medo e a responsabilidade. Pero así, e moito peor, eran aqueles tempos nos que o entorno era un mundo habitado e habitable.