«Primeiro hai que asegurar a fase de ascenso, logo pensar no título»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

«Houbo moitos cambios esta tempada, pero o equipo mantén a súa idea de xogo por riba dos nomes», dijo Pablo Iglesias

17 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Eterno capitán do Calvo Xiria, Pablo Iglesias Fraga é, aos seus 31 anos, o motor do equipo. Central de moita calidade, polas súas mans pasa gran parte do xogo en ataque, ademais de ser unha referencia en defensa. Leva no cadro carballés 22 tempadas e mantén o listón competitivo de sempre.

-Aínda por riba, no último partido contra OAR Coruña meteu doce goles, case a metade dos que meteu o Xiria (30).

-Si, pero a metade foron de penalti.

-Pero tamén hai que metelos.

-Home si. A verdade é que ultimamente teño sorte nos lanzamentos. Outras veces tiro máis a porta e non estou tan atinado.

-¿Leva a conta dos goles anotados esta tempada?

-Non, pero o outro día un compañeiro díxome que levaba máis de 130.

-É vostede un pichichi, que ademais xoga e reparte xogo.

-Isto é cousa de todos. Eu só son un máis do equipo. Aquí gañamos e perdemos todos.

-¿Segue dándolle voltas á derrota nos últimos segundos contra o líder [Novás, 24-25]?

-Non.

-O seu adestrador [Fernando Vázquez] deume a mesma resposta. E iso que de gañar, o Calvo Xiria sería agora líder en Primeira Estatal.

-Non merece a pena pensar nun resultado, sexa cal sexa, nin pensar no que tiñamos que facer ou non facer. Así como perdemos, puidemos gañar. O Atlético Novás é un gran equipo e é líder. A experiencia dime que non se pode pensar no que xa pasou, toca mirar cara diante e pensar no seguinte partido e tratar de gañar.

-E foi o que fixeron.

-Si, o parón do Nadal veunos moi ben porque acadamos varias vitorias importantes en pistas moi complicadas, nesas nas que non debes perder se queres optar a todo.

-Este ano houbo moitos cambios e continúan aí arriba.

-Levabamos moitos anos con Marcos [Rodríguez] e chegou Fer [Fernando Vázquez]. Tamén houbo xente veterana que marchou como Pombo, Uxío ou Martín, pero o equipo mantén a súa idea de xogo por riba dos nomes. Iso é bo porque dende as categorías de base se xoga sempre igual, así os que chegan ao primeiro equipo non notan tanto o cambio.

-¿Cal é o obxectivo, o título, ou xogar a fase de ascenso?

-Primeiro hai que asegurar a fase de ascenso, e logo, pensar no título de liga.

-Esta fin de semana pode resultar clave. Xogan o líder, o Atlético Novas, e o terceiro, o Lalín. ¿Que resultado prefire?

-A miña opinión persoal é que prefiro que gañe o Novás, porque de gañar nós ao Seis do Nadal, deixariamos ao Lalín a catro puntos e a disputa da fase de ascenso estaría máis preto.