Con pequenos xestos que se realicen dende o fogar pódese contribuír a reducir a cantidade de desperdicio
14 may 2018 . Actualizado a las 10:29 h.Sogama acaba de poñer en marcha a campaña Comer si, tirar non, na que contan co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Así o conta Teri Campos, responsable de comunicación de Sogama.
-¿Que se celebra o 17 de maio ademais das Letras Galegas?
-Celebrase tamén o Día Internacional da Reciclaxe. Neste marco quixemos este mes sacar a campaña Comer si, tirar non para contribuír en certa medida a reducir o desperdicio alimentario que é un problema que preocupa e moito a nivel europeo.
-¿Cal é o contexto no que se enmarca?
-Esta campaña está estruturada fundamentalmente en dúas partes. Por un lado nós o que intentamos é trasladar información, datos, sobre a situación actual do desperdicio alimentario. Por outro lado queremos achegar ao cidadán unha serie de consellos para que en orixe, no fogar, se poida diminuír este desperdicio alimentario. As cifras son realmente preocupantes, 1/3 máis ou menos do que se produce no mundo acaba desperdiciado en toda a cadea, dende que se producen ata que chegan as nosas casas. No ámbito do fogar contribuímos a este desperdicio alimentario no 42% co cal consideramos necesario actuar nesta liña, trasladar ao cidadán o que pode facer.
-¿Cales son os obxectivos desta campaña?
-Intentamos contribuír ao obxectivo do Parlamento Europeo de reducir nun 30% o desperdicio de alimentos para o 2025 e nun 50% para 2030.
-¿Que podemos facer dende a casa?
-Os xestos a poñer en marcha son moi sinxelos, eu sempre digo que o que hai que facer é aplicar o sentido común. É absurdo cociñar cantidades inxentes de comida que logo non imos utilizar e que van acabar no lixo. O prioritario é facer unha lista da compra co que necesitamos, crear un menú semanal en función diso. É moi importante tamén revisar o estado da neveira e a despensa, reorganizar os produtos, colocalos de xeito que non queden produtos esquecidos e despois non sirvan. Outra cousa, esa confusión xa histórica entre data de caducidade e data de consumo preferente, a data de caducidade é o momento a partir do cal o produto pode presentar problemas de sanidade alimentaria. A data de consumo preferente indica o momento a partir do cal un alimento pode sufrir algunhas perdas de calidade como textura, sabor, color, pero serve perfectamente. Temos unha batalla tamén dende hai tempo entre os alimentos feos e os guapos, é dicir, aqueles alimentos que non cumpren cuns canons estéticos desbótanse da cadea alimentaria porque non son agradables á vista do consumidor. Na cadea alimentaria descartase o 45% das froitas e hortalizas simplemente pola súa estética. Neste sentido ONU e FAO están levando a cabo unha campaña moi interesante que é Faille un oco no teu corazón aos alimentos feos e o importante é o valor nutritivo, que é o mesmo que o dos alimentos guapos. Cando desbotamos estes alimentos estamos desbotando moitísimos recursos, para cultivar unha laranxa por exemplo necesítanse 50 litros de auga, necesítase explotar a terra, traballo dos agricultores, combustible...
Hai que darlle preferencia sempre aos produtos frescos, de temporada e locais e tamén é certo que vivimos na cultura do envase, todo ben envasado, tamén polos novos modelos de familia. Temos que cambiar hábitos.
«Trae consigo un importante impacto medioambiental, económico e social»
Dende Sogama recomendan unha serie de cambios de hábitos para diminuír os restos alimenticios que se tiran ao contenedor, como por exemplo o compost.
-Temos moitas opcións antes de desbotar alimentos.
-Si, cando nos sobra comida o ideal sería conxelar a comida ou repartila entre os invitados, algo que xa se fai máis nos restaurantes. Cando temos un excedente na casa que sabemos que non lle imos dar saída e que é comida non perecedoira temos tamén os bancos de alimentos, un xesto solidario. Cos alimentos non comestibles unha boa opción sería o compost. Hai que darse conta de que na composición media de unha bolsa de basura tipo o 42% é materia orgánica. O desperdicio alimentario trae consigo un importante impacto ambiental, económico e social. Estamos tirando no mundo 1.300 millóns de toneladas anuais de alimentos, co que se podería alimentar a 2.000 millóns de persoas, moralmente é inadmisible.
-¿Cómo se materializa a campaña?
-Consta por un lado de unha guía didáctica onde se fai un diagnóstico da situación actual, e proporciónanse dez consellos claves para aplicar no fogar. Temos tamén sete vídeos para mostrar o impacto que supón o desperdicio alimentario. Despois cuñas radiofónicas e un xogo escolar onde se reproduce unha cociña e os nenos teñen que colocar os alimentos. O desperdicio alimentario é hoxe un problema de primeira magnitude que non nos podemos permitir.