
O experto naturalista Santiago Vázquez recomenda a utilización de herbicidas só en casos puntuais
25 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Santiago Vázquez (A Coruña, 1973) é o vicepresidente do Grupo Naturalista Hábitat, asociación fundada no ano 1979 co obxectivo de dar a coñecer e protexer o patrimonio natural galego. Desde Hábitat alertan do uso indiscriminado do glifosato, e recomendan a súa utilización só en casos puntuais, e sempre de forma estudada e xustificada.
-Hai quen emprega herbicidas no canto de sistemas mecánicos para o desbroce de estradas. Os estudos din que pode ser cancerínexo. ¿Que problemas pode carrexar un emprego indiscriminado?
-É un praguicida que funciona moi ben porque queima a herba, pero esa herba morre alí absorbendo o produto. Polo que calquera animal que coma iso, por poñer un exemplo entre varios, pódese intoxicar. Cando se sulfata unha cuneta, ademais de matar toda a vexetación tamén sulfatas algún bicho do arredor que, á súa vez, pode comer un paxaro. Créase unha cadea moi túrbida no medio ambiente. Ao final, unha aplicación non vai só á herba, senón a todo entorno, e sempre pode haber pequenas derivas que afecten incluso á plantación de cultivos. Así mesmo, tamén hai risco de expansión de especies invasoras.
-A utilización do glifosato provoca unha gran contaminación das áreas onde se fumiga, ademais de risco de incendio...
-Efectivamente. As aplicacións de glifosato lévanse a cabo con camións cisterna. Estes teñen que ter coidado coas escorrentías de pluviais, e mesmo con algún regato que ás veces pasa no que son os noiros das estradas. A lei di que non se pode sulfatar cando hai pequenos cursos de auga porque ten que haber distancias mínimas, e isto é moi difícil de controlar, porque en moitas das beiravías de por aquí, acumúlase auga e, sobre todo, humidade. Esa vertente vai aos ríos ou rías, polo que xa estamos incrementando a contaminación. Por outra parte, si hai perigo de incendio, porque a herba morre e seca excesivamente, ata o punto de poñerse de cor amarela, polo que se alguén tira unha cabicha nela, pode arder todo. Sulfátase, pero non se retira o restrollo seco.
-¿Pódese controlar a súa aplicación?
- É moi difícil de vixiar que todos os requisitos se cumpran. Non sempre se atopa o momento idóneo porque non pode facer vento nin pode chover. Por isto, recomendamos que se mitigue ao mínimo posible a súa aplicación.
-¿A limpeza mecánica é a única opción?
-Si, pero sae máis cara. Creo que o desbroce das estradas da Deputación custa arredor de medio millón de euros. Coa aplicación de herbicidas ese custe redúcese a unha quinta parte. Igual a sociedade ten que asumir ese custo, para que os nosos ríos e regatos non se contaminen.
-¿Hai alternativas substitutas ao glifosato que resulten menos contaminantes?
-Si que hai, como por exemplo o vinagre como herbicida, tamén o mulching para a herba, así como a utilización de máquinas que provocan calor ás herbas das rúas.
-A pesares de que pode causar importantes problemas de saúde, a Unión Europea prorroga o seu uso quince anos máis, aínda que certos países como Francia xa o prohibiron.
-Si, neste acordo había moitos países en contra pero ao final gañou a moratoria das multinacionais. Desde unha postura ambiental estamos en contra desta prorrogación. Cada vez saen máis cousas en contra, polo que non hai que perder a esperanza. Por exemplo, hai cidades e vilas a nivel galego que xa prohiben o seu uso.
-¿Fai falta máis concienciación entre os agricultores?
-Si, aínda que desde a posta en marcha da Lei que obriga a ter un carné básico de fitosanitarios, a venta diminuíu, polo que a súa aplicación vai a menos. A xente ve os perigos que poden implicar a súa aplicación, e colle medo.