![](https://img.lavdg.com/sc/EdemVkSoHORz4ZFQmI4nx_L-W1k=/480x/2018/10/20/00121540044002140425184/Foto/CO21C6F1_1.jpg)
Crítica teatral do FIOT | Obra «Pss pss» de Compagnia Baccalà | Boa música e boa iluminación. Non hai palabras: a maxia do xesto, que é fundamental
21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Depende. Como dicimos en Galicia, depende. Falo de como valores o que vamos ver. Se o que buscas é teatro convencional, non o vas a atopar hoxe. Como xa teño dito noutras críticas do FIOT, esta (do xoves) é unha manifestación coa linguaxe afín á do teatro, pero máis ben de circo, que adoita presentar case tódolos anos o FIOT. Este tipo que imos ver, combina estilos de mimo, teatro, equilibristas, paiasos, malabaristas e circo en xeral; sen ser, en exclusiva, ningún deles.
Coas variantes correspondentes a cada artista, vai na liña de Leo Bassi, de hai anos no cine Rega, cando aínda eran alí as funcións do FIOT; quen nos botou a tódolos espectadores fóra do recinto do cine. ¿Alguén se lembra? O ano pasado foi Okidoki, belgas eles, que tamén nos entretiveron cos seus máxicos acenos, tan mudos, pero tamén tan doados de entender. A parella deste ano, levan apañados un lote de premios; e disque el comezou as súas andainas co Circo do Sol, polo 84. E son suízos, para xustificar a internacionalidade do FIOT. O que imos ver, quede dito de antemán, é un espectáculo, máis que teatro.
Con este reparo falado, non teño inconveniente en afirmar que pasei un bo rato con eles. A miña cara, como a de todo o público, era un sorriso permanente.
Asistimos pois, a esta representación, cargados de curiosidade, con boa música e boa iluminación; e visualmente moi estéticos. Non hai palabras, só acenos: a maxia do xesto. Pero abondan. Os xestos aquí, son fundamentais. É un tipo de comunicación non verbal, común á maioría dos animais superiores, por certo; nos que non precisan de fala, pero si ademáns, sinais que expresan un estado de ánimo (sei que rifan, pero ¿rirán os animais?). E vendo a esta parella, resulta sorprendente a cantidade de cousas que podes dicir ou expresar, sen necesidade de palabras. Por outra banda, son suízos. Se cadra non lle entenderiamos tan ben, se falasen...
Este modelo de espectáculos, polo xeral, con un ou dous personaxes no escenario, soen ser, tamén, virtuosos coa música ou algunha outra habilidade. No caso de hoxe, tocan o acordeón e trompeta, a maiores de ir sobrados co equilibrio.
Trátase do xogo de provocar situacións máis ou menos chocantes, que sexan fáciles de comprender polo respectable, e morran coa risa. Polo demais, ás veces pareceume recoñecer un certo tipo de humor, propio das películas mudas, aquelas de tortazos, (literal), flexións imposibles, caídas, esaxeracións e sustos a reo. Os Buster Keaton, O Gordo e o Fraco, Harold Lloy, Charles Chaplin... Divírteste moito máis, se vés coa alma de neno. Como gozan os cativos con estas marabillosas parvadas. Se miras cara o público, é imposible non ver unha cara sorrindo. Orixinal o número da escada metálica, e toda a parafernalia que argallaron, mesmo co público. Está claro que hai que botarlle imaxinación.
Con todo, coido que o que máis me gustou, con diferenza, foi ser testemuña do ben que o estaba pasando a señora que tiña no asento de diante: non paraba de rir, se cadra coa oportunidade de librarse dun mal día, no traballo ou na casa. ¡Pero que ben o estaba pasando!, ¡canta envexa me estaba dando! E xa sabedes o contaxioso que é a risa... E esta liberación, vén sendo, estaredes de acordo comigo, a finalidade principal de todo espectáculo, ¿non si? Ata máis ver.
Segue o ciclo OTNI e a Escola do Espectador
![](https://img.lavdg.com/sc/_LJNaYno6F2mIz1Fsxtcs0Uh8K8=/480x/2018/10/20/00121540044062513226214/Foto/CO21C6F2_2.jpg)
![](https://img.lavdg.com/sc/qhJRiu3Rz_H9T1vF6JedDdwaows=/480x/2018/10/20/00121540044121966375426/Foto/CO21C6F3_3.jpg)
A medio camiño entre o teatro documental e a ficción, «Salvador», de Borja Fernández, protagonizou o venres unha nova sesión do ciclo OTNI poñendo o foco de atención nos movementos migratorios e as desaparicións. Por outra banda, onte houbo novamente Escola do Espectador, da man do crítico Camilo Franco.