A Xunta sostén que a igualdade de xénero inspira todo o sistema educativo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A secretaría xeral advirte que «a persistencia de desigualdades, estereotipos e roles de xénero non só están recoñecidos na normativa estatal ou autonómica, senón que son circunstancias indiscutibles que se teñen en conta a nivel europeo e mundial»

08 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Secretaría Xeral da Igualdade sostén que «o tratamento da igualdade de xénero nos centros escolares está prevista como principio inspirador de todo o sistema educativo e como contido curricular para ESO e Bacharelato na comunidade autónoma de Galicia». Desta maneira, o órgano superior da Xunta de Galicia manifestaba a súa preocupación tras tres denuncias de varias organizacións que entendían que un artículo publicado por La Voz de Galicia, firmado por Cristóbal Ramírez, e titulado Doctrina, «cuestiona a existencia da desigualdade de xénero e dá a entender que o seu tratamento como contido lectivo nas aulas se efectúa dun xeito propagandístico, empregando como material didáctico panfletos, equiparables aos existentes durante a ditadura franquista».

A secretaría xeral advirte que «a persistencia de desigualdades, estereotipos e roles de xénero non só están recoñecidos na normativa estatal ou autonómica, senón que son circunstancias indiscutibles que se teñen en conta a nivel europeo e mundial». Engade que «se ben a condición xurídica da muller mellorou inequivocamente nas últimas décadas, a igualdade efectiva entre mulleres e homes dista moito de ser unha realidade». Puntualiza que os valores que fomenten a igualdade efectiva entre homes e mulleres, así como a prevención da violencia de xénero, constitúen nas escolas principios inspiradores de todo o sistema educativo español, regulados pola lei orgánica 2/2006 de 3 de maio. Tamén na comunidade autónoma está regulada esta materia e, en concreto di que, ao amparo da lei 11/2007 do 27 de xullo, «a educación para a igualdade forma parte do contido curricular, impartíndose a materia igualdade de xénero» e todo o material que se entrega aos alumnos, así como os criterios de avaliación foron aprobados pola consellería competente en materia de educación.