«Viume medrar artisticamente, e a súa xenerosidade foi a mellor medicina cando me diagnosticaron un cancro», escribe o artista carballés Mon Lendoiro sobre Juan Darriba, recentemente falecido
23 ene 2019 . Actualizado a las 20:36 h.A ver como lle conto a xente quen foi e será Juan Darriba...
Pois ben, Juan naceu no 64 en Ferrol e foi o segundo de 4 irmáns varóns. Tras estudar Formación Profesional, comezou a traballar en todo aquilo que se lle ofrecía. Empezou no mundo téxtil, pasou pola construción e seguiu como monitor deportivo. Ata conseguiu a titulación para que os clientes o tomaran en serio. Estudou para obter o diploma de masaxista deportivo, tiña que abrirse a tódalas posibilidades. Ata que un día o chamaron para facer unha substitución como camareiro nunha voda e descubriu a profesión da súa vida.
Como calquera mozo da época, comezou a saír. Eran os anos 80 e a movida estaba en plena efervescencia, a música pop soaba en todas partes e as noites de Ferrol, sobre todo o barrio da Magdalena, ofrecían a diversión que calquera mozo buscaba.
Nese tempo, Juan buscou exemplos onde imitar, onde puidese expresar o que sentía. Algo no seu interior lle dicía que non era igual aos demais rapaces. Nun principio ocultaba a súa verdadeira condición, pois naquela época, por moi modernos que foran, só nas grandes cidades se podía ser un mesmo.
Así que, morto de medo, seguiu o camiño que a maioría facía. Conseguiu unha moza guapa e ata casou: era o normal. Ata que, un ano despois, o seu verdadeiro eu saíu a relucir, e colleu a vida polos cornos, decidindo ser quén sempre quixo ser. Pero o destino traía unha sorpresa, a súa única filla, Alba. Tolo de emoción, aguantou uns anos máis xunto á nai da criatura, ata que a cortina rompeu de todo, e comezou a vivir de verdade.
Como calquera persoa, tivo todo tipo de relacións: apaixoadas, conflitivas a ata tóxicas. Esta derradeira marcaríalle a súa personalidade e ata a súa carteira. Contábame con nostalxia como Pedro Almodóvar e a película La ley del deseo lle marcou a vida. «¿Como pode o amor devorarte tanto por dentro?», dicíame.
Certo día de 2010 chégame unha notificación ao meu portátil: un tal Juan Darriba envíame unha mensaxe ao meu perfil de Bakala. Ese foi o comezo dunha longa relación de máis de nove anos. Aínda recordo a primeira vez que me agasallou un gran corazón de peluche, pareceume a horterada máis doce que alguén me puidera regalar. Eu vingueime no seu aniversario cun oso de peluche tan grande coma min, para as miñas ausencias. Creo que a nosa cadela Amy (si, somos fans de Amy Winehouse) gozou máis co boneco ca el.
Juan chegou nun momento da miña vida onde eu non esperaba nada, no que só as artes me enchían o buche. El viume medrar artisticamente e a súa compaña e xenerosidade foron as mellores medicinas cando me diagnosticaron un cancro.
Traballador incansable, non se rendía ante as adversidades. Apreciado maître, non o esquecerán en calquera dos lugares onde traballou, e senón que llo pregunten ao restaurante Carlos V de Viveiro, entre outros moitos. Forofo de Chicote entendía moi ben o funcionamento dun negocio, sobre todo de hostalería. Tamén probou a amargura do peche dun local propio: ver como loitas por mantelo e as adversidades impídencho.
Atrás deixa montóns de amigos, amigos que o querían e o apreciaban. Viaxeiro incansable, os tropezos da vida ensináronlle que, o que non arrisca non gaña. Ensinoume lugares incribles, como San Sebastián, Bilbao, Málaga, Toledo, ou Oviedo.
Tamén foi o primeiro -e único- que me regalou nun aniversario a entrada a un museo de arte, como o foi o Guggenheim. E grazas a el -ironías da vida- puiden visitar por primeira vez, e aos meus corenta e pico anos, o Prado.
Eu conseguín que se enganchara a series de televisión como Juego de Tronos, ou que visemos no sofá da casa películas de terror. Canto máis cutre, maiores eran as risas. A cambio, el ensinoume de viños, de protocolo e de como debe ser un bo servizo nun restaurante.
Foi máis ca un amigo. A súa compañeira de batallas, Gladis, foi como a irmá que nunca tivo. Adoptou aos fillos dos amigos como sobriños postizos e foi, sen dúbida, o meu maior apoio emocional. Sen el, a maioría das cousas que fixen, fixemos, ou fago, non serían o mesmo.
Engancheime na sobremesa ao vermú vermello con olivas pola súa condición de marqués: gustáballe vivir ben, e sabía presumir como ninguén das cousas que conseguía co seu esforzo. Nunca deixou de fumar, encantáballe. Foi a súa perdición, ata que un ictus o devorou.
Soa a canción de Jeanette ¿Por qué te vas? -que lle encantaba- para despedir a un home que viviu e gozou, aínda que o seu pasado lle pesaba na alma.
Así que, don Juan Darriba. Grazas por terte coñecido, e por ter compartido nove anos da túa vida comigo.