«Todo fotógrafo quere plasmar algo que faga pensar, meditar»

La Voz

CARBALLO

Marcos Rodriguez

Marcos Rodríguez trae por fin á súa casa, a Carballo, a exposición «Miradas de Marfil», con imaxes tomadas no país africano xunto coa ONG Egueire

21 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dobres parabéns para o fotógrafo carballés afincado en Cee, Marcos Rodríguez, pois vén de ser nomeado pola Federación Europea de Fotógrafos ao mellor profesional do ano nas categorías de reportaxe gráfica e paisaxe. Non se trata dun recoñecemento descoñecido para Rodríguez, posto que vén de gañalo en dúas edicións consecutivas, sendo finalista nunha terceira ocasión. «Non me acabo de acostumar, porque tampouco é que me cheguen nominacións tódolos días!», dicía en Radio Voz Bergantiños. Aínda así, asevera: «Síntome de marabilla, e ser finalista xa é un recoñecemento».

Por outra banda, hoxe inaugurará en Carballo unha mostra que, como ten dito nalgunha ocasión, estaba desexando traer á súa «casa». Miradas de Marfil poderá verse dende esta mesma tarde (apertura ás 20.00) no Pazo da Cultura Carballés, tras pasar por lugares como Santiago de Compostela, A Coruña, Arteixo ou Padrón.

A mostra componse de unha serie de imaxes tomadas en Costa de Marfil cando viaxou ao país africano para inaugurar, xunto con Egueire, a maternidade que a ONG impulsou na localidade de Nandibou. «É un traballo especial», di, pois «como fotógrafos, a todos nos interesa plasmar algo que faga meditar, pensar, e que poida axudar a alguén». Poñer un pé na localidade marfileña rompeu os seus «esquemas» ata tal punto que non foi doado facer a selección das fotografías para a exposición, dada a enorme cantidade de material co que voltou a España: «Teño o dedo moi lixeiro», di entre risas, pero a entidade axudou no proceso.