Touriñán: «Segue habendo xente que fai moito diñeiro co veleno da droga»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A viva voz | «Fariña», con Xosé Antonio Touriñán encabezando o elenco, pecha hoxe a 28.ª edición do FIOT

01 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Polo ánimo e a necesidade de narrar unha parte non tan pracenteira da historia galega naceu esta adaptación teatral de Fariña, a obra na que Nacho Carretero despeza o narcotráfico en Galicia.

Será Fariña [20.30 horas], con Xosé Antonio Touriñán, María Vázquez, Cris Iglesias, Sergio Zearreta e Marcos Pereiro no elenco, o broche final a esta 28ª. edición do FIOT; xunto coa entrega do premio Xograresa de Outono a Patricia de Lorenzo.

Coa propia sociedade galega como protagonista, sen ánimo de poñer o foco de atención en nomes ou personaxes concretas, a peza amplía -con respecto á serie televisiva- o seu abano narrativo ata a actualidade.

-Chegan ao FIOT carballés acabados de estrear.

-Realmente é a primeira parada despois da Coruña, onde estivemos a pasada fin de semana con catro pases de estrea.

-Como xorde a idea de reconverter esta obra nunha peza teatral?

-Pois vén dunha amizade que se crea con Fariña [a serie], que é cando coñezo a Nacho Carretero, e dunha cea de amigos na que lle propoño -ou, máis ben, nos propoñemos- a idea de levala ao teatro. Despois xa se van unindo Tito Asorey [director] e José Prieto [dramaturxia] e xa lle vamos buscando outro enfoque, outro punto de vista dende o que mirar toda esta historia, non tan bonita, de Galicia. Realmente, eu creo que os protagonistas desta obra somos nós, os galegos, Galicia.

-Que cren que pode aportar á historia o feito de contalo sobre as táboas? Proximidade?

-Dende logo, aínda que o que o espectador verá en Carballo non ten nada que ver coa serie, no sentido de que a serie era un produto de protagonistas, de persoas sobre as que pivotaba unha historia: ese cambio do contrabando ao narcotráfico e, sobre todo, o que foi a Operación Nécora. Nós facemos un percorrido un pouquiño máis amplo, dende que comezaron a naufragar os barcos (e as cousas que se facían para que naufragasen), ata hoxe en día. E, sobre todo, como dicía antes, varía o punto de vista. Non hai un Sito Miñanco protagonista, ou un Oubiña; tentamos que non haxa nomes propios, senón un só nome común: Galicia. E tamén unha sociedade e un sentimento común: para o bo, cando a todo o mundo lle vai ben, gaña diñeiro e se aproveita da situación; pero tamén para o malo, cando comeza a morrer xente. Hai que situar ao espectador, que xogue a poñerse na pel das personaxes: «Que farías ti se te vises nesta situación?».

-A serie remata canda a Operación Nécora, nun pasado próximo, mais o narcotráfico é unha realidade tristemente vixente.

-Certo, aínda que pareza que iso xa acabou, segue a darse, e cada vez a máis escala. Segue entrando droga en Galicia, e segue habendo xente que fai moito diñeiro con este veleno. E iso, por suposto, tamén o queremos contar na peza.

-Hai sitio para o humor?

-Si, hai sitio para o humor visto dende a perspectiva actual, pero tamén visto naquel momento, porque cando as cousas van ben, cando todo é unha felicidade, cando hai diñeiro a mans cheas e podes facer o que che dá a gana, esas situacións, vistas dende fóra, provocan humor. E nós xogamos con iso, buscamos ese humor da cotiandade. A min, por exemplo, faime moita graza imaxinar a uns tipos en pantalóns de pana cun Ferrari baténdolle embaixo nas cunetas polas carreteiras de Cambados [ri].

-Non podía faltar unha banda sonora á altura...

-É un luxo, un auténtico luxo poder contar con Novedades Carminha. Son uns fenómenos. Dende o primeiro momento que llo propuxeron déronlle para adiante. Fixeron un temazo e non podemos máis que dar grazas.

-As entradas esgotáronse en cuestión de horas: iso pono nervioso ou emociónao aínda máis?

-No meu caso podo dicir que o que me dá é gañas. Eu sempre digo que a miña obsesión é que o público que veña ver algo noso, que queira volver.

-Non será, a título individual, a súa primeira vez no FIOT...

-Levo indo moitos anos [ri], á Rúa dos Contos, ao Mercado... O ano pasado estiven con Carlos Blanco [Somos Criminais] e o público foi espectacular, aínda que, segundo recordo, non foi das mellores actuacións que nos saíron [ri]. Tivemos un fallo e acabamos poñéndonos en pelotas para cambiar o micro [ri], no momento fai graza, pero saímos bastante mosqueados ao final. O bo que temos, creo, tanto Carlos coma min, é que sabemos saír ben desas situacións; para algo valerán eses quilómetros de percorrido!

-Vírono ao natural...

-Si, poden dicir que viron a Touriñán en calzoncillos [ri], rendeulles o diñeiro da entrada.