Paula Pérez: «Ver o meu nome no libro foi algo incrible»

CARBALLO

ANA GARCÍA

Promete, e moito, a carreira artística desta moza vimiancesa, á que tamén lle gusta patinar e os videoxogos. Con só 14 anos xa ilustrou o seu primeiro libro infantil

10 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Paula fala do seu estilo artístico di que lle encanta Van Gogh polos seus trazos e porque non emprega un realismo tan explícito como Rembrandt. Ten uns debuxos, di, máis do estilo de Andy Warhol, moi coloridos e cunha versión propia da realidade. Con só 14 anos, ademais dun evidente amor pola arte e uns coñecementos que se lle escapan á maioría de mozos da súa idade, esta vimiancesa (2005) vén de ilustrar o seu primeiro libro, Las aventuras de Manu y sus amigos, de Santiago Casal.

«Cando me chegaron os libros corrín abrilos á habitación. Collelo, darlle a volta e ver o meu nome aí, así como un anaquiño da miña biografía, foi algo incrible», relata Paula Pérez. Aínda non llelo contou a ningún mestre, pero si aos compañeiros. A reacción xeral, di, foi de sorpresa, pero tamén «se sentiron moi orgullosos».

A oportunidade veu da man da súa irmá maior, coñecida do autor. Tras ver os seus debuxos, propúxolle ilustrar un dos seus libros e así comezou todo: «Mandoume o texto, funo lendo e cada unha ou dúas páxinas ía debuxando algo. Estou moi acostumada porque fago, como mínimo, un debuxo ao día; e ademais xa teño ilustrado outros textos que ía lendo. Aínda así foi moi diferente, porque xa non eran bosquexos para min, senón pezas que ían saír publicadas», conta a moza.

Dende logo as artes son o camiño que escolleu de cara a construír unha carreira profesional futura, tanto no campo da ilustración de libros, como no deseño de imaxe corporativa ou na animación 3D: «Flípanme os videoxogos e encantaríame poder participar na creación dun», asevera, aínda que é consciente de que é un campo complicado e aínda en desenvolvemento. Non obstante, cre que aí está, precisamente, a clave: «Ao estar en crecemento creo que irá saíndo máis traballo e xurdindo máis oportunidades de formación, que por agora hai moi poucas», engade.

Paula, que debuxa dende que ten memoria e que sentiu verdadeira fascinación ao ver en vivo varias obras do seu admirado Van Gogh, tivo sempre o beneplácito familiar: «Mesmo se quixese ser astronauta creo que tamén me apoiarían. No que fose. Son os primeiros en animarme a seguir adiante», di esta moza vimiancesa.