
CRÓNICA | O museo que leva o seu nome invita a coñecelo en dúas plantas
11 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Así reza a partida de nacemento de Fernando Blanco de Lema asentada nos libros de bautizados da parroquia de Santa María da Xunqueira: «En diez y ocho de octubre de mil setecientos noventa y seis, Don Francisco Xavier Domínguez Medinilla, Cura Vicario de la villa de Cee y San Esteban de Lires, su anexo, bauticé solemnemente y puse los Santos Óleos a un niño... Le puse de nombre Fernando Manuel...».
Ninguén dos que alí estaban e presenciaron ese momento podían imaxinar que ese neno cambiaría, e de que xeito, o devir da historia do pobo de Cee e da comarca.
«No teniendo herederos forzosos y pudiendo por consiguiente disponer libremente de todos mis bienes, es mi última voluntad instituir fideicomisarios a Don Juan A. Baldonedo y Don Brígido Zavala, para que con dichos bienes funden en mi pueblo natal y casa en que nací, un colegio de primera y segunda enseñanza, que se dará gratuita hasta donde alcancen los proventos de mi caudal...». E así reza a cláusula décimo quinta do testamento asinado por Fernando Blanco de Lema na Habana o 2 de abril de 1875, cláusula que sería o piar sobre o que se asentou boa parte do desenvolvemento educativo e cultural de Cee, e que veríase finalmente cumprida nos anos 1886 e 1887 coas inauguracións do instituto Fernando Blanco e da antiga Escola das Nenas, respectivamente. Precisamente a Escola das Nenas, situada na Alameda ceense, é sede hoxe do museo que leva o nome do filántropo. Un museo no que se lembra a figura do fillo pródigo e no que se expón parte do legado educativo e artístico do centenario instituto da vila da Xunqueira.

Unha das principais coleccións de material científico de Galicia atópase no primeiro andar
Cóntase con dúas plantas expositivas nas que se fai un percorrido polos obxectos mercados para impartir as distintas materias que formaban parte do currículo educativo a finais do século XIX.
Na planta baixa do museo teñen cabida as traballadas pezas de ourivería relixiosa da capela do instituto, procedentes do prestixioso obradoiro madrileño da familia Meneses; parte da colección de instrumentos musicais, os modelos de apeiros e maquinaria agrícola que servían de apoio para as clases de agricultura, os magníficos óleos de Federico de Madrazo e Francisco Díaz Carreño, así como tamén unha serie de pezas que forman parte da historia do centro educativo e que chaman a atención pola súa curiosidade e singularidade (o primeiro teléfono de Cee, os botes da antiga farmacia, os interruptores e enchufes instalados en 1906 coa chegada da luz eléctrica á vila, o bombo para sortear os temas dos exames, etcétera).
A exposición cambia radicalmente no primeiro andar. As disposicións educativas do momento obrigaban aos institutos a contar cos denominados gabinetes científicos, pero non era esta unha tarefa doada debido á escaseza de establecementos especializados que vendesen os novidosos aparellos que formaban parte del, ao que habería que engadir o elevado custe dos mesmos.
Estas complicacións puideron salvarse grazas á importante contía económica coa que o filántropo agasallou á veciñanza, e así, no curso 1890-1891, adquírense en dúas casas parisienses, G. Fontaine e E. Deyrolle, gran parte dos fondos que se atopan hoxe neste primeiro piso do museo e, que, sen dúbida, conforman unha das principais coleccións de material científico de Galicia.
Polo que respecta ao gabinete de física, no museo amósanse as distintas seccións que o conformaban. A sección de mecánica hidráulica (balanza hidrostática, vasos comunicantes ou aparello de Haldat); a de mecánica de sólidos (aparello para a forza centrífuga, o plano inclinado ou o aparello para o choque oblicuo); a de peneumática (hemisferios de Magdeburgo, fonte de Herón ou o manómetro de Bourdon); a de acústica (fonógrafo de Edison, gramófono ou o aparello de Duhamel); a de calor e traballo (pirómetro de cuadrante, espellos ustorios ou a máquina de vapor de Watt); a de óptica (cámara escura fotográfica, fenaquisticopio de Plateau ou o estereoscopio); e a de electricidade (pila de Volta, telégrafo de Morse ou a lanterna máxica).
No tocante ao gabinete de química poden salientarse a balanza de precisión, o alambique de Salleron, o espectroscopio ou un forno de reverbero. E por último, e pertencentes ao gabinete de historia natural, atópanse expostas parte das coleccións de moluscos, fósiles, animais desecados e minerais, cun protagonismo especial para o modelo desmontable de home clástico do Doutor Auzoux, elaborado en papel maché, e que destaca polo seu tremendo e logrado realismo.