A Costa da Morte: perseguindo solpores

M. Chouza

CARBALLO

CEDIDA

En primeira persoa | Escribe Manuel Chouza: «Somos xentes viaxeiras e comprometidas coa defensa do patrimonio cultural»

18 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que pasaron corenta anos, o viaxeiro conserva todo moi nítido na súa memoria. O camiñante vai facer un periplo andando dende Muros a Fisterra. Unha semana de andaina ata o Cabo do Mundo. De Muros, o camiño leva a Louro. O Calvario do Convento de San Francisco rube polo monte e amosa unhas vistas maxestosas. A visita á Lagoa de Louro é obrigada. Aves, dunas, auga e o mar batendo ó fondo. A andaina é sosegada e doada, pois neses anos, os coches eran escasos, non coma hoxe, onde é un rebulir de enxeños mecánicos por acá e acolá.

Cómpre facer a subida ó Monte Louro, que en realidade, son dous. As vistas son espléndidas: o mar da Ría de Muros, relucindo como a prata; a bocana da ría; a lagoa de Louro e do outro lado Porto do Son e o Barbanza co seu altiplano gastado pola erosión de miles de anos.

Fai noite o viaxeiro na inmensa Praia de Carnota, en concreto na Boca do Río. Chega o transeúnte ó Monte Pindo, o Olimpo Celta. Otero Pedrayo denominouno «a grande testa xupiterina». O vento abouxa e o viandante avanta ás alancadas entre grandes bloques zoomorfos e antropomorfos. Teimudo, rube entre a penedía indómita. A paisaxe tectónica está desgastada por centos de miles de anos de erosión. Ve un monte climatérico e á vez esgrevio. É áspero e dificultoso e O Pindo esbirra brétema nebuxenta. A subida á Moa é longa e fatigosa. Penedos inmensos de formas caprichosas e máxicas. Conquistada A Moa o camiñante ascende o Penafiel, Pena Fidelis.

Subir aquí non é doado e a sensación de vertixe é estrema. A caída sería mortal. Dende o cumio do Penafiel as vistas son abraiantes. O camiñante observa no Solpor o amarelo do ovo da casa; os Illotes das Lobeiras, Grande e Chica; os Carromeiros, Grande e Chico; a Praia de Gures, a antiga fábrica de Caneliñas, o Cabo de Cee e o Cabo Fisterra. Alí, o camiñante entra en comuñón coa natureza, tal é a forza telúrica do mítico Monte Pindo. Unha tranquilidade celestial o invade todo, dende a atalaia do voluminoso monte, todo é distinto. No alto e vellouco monte todo levita e abaixo todo é velenoso, tóxico e nocivo. Vendo o espectáculo da natureza lembra as palabras de Kavafis, «Ítaca é o camiño». Haberá máis Ítacas no futuro, haberá máis camiños e solpores.

Baixa o viandante sabichón á fervenza do Ézaro, que non pasa desapercibida. Un lugar único, co río Xallas brincado dende as alturas nunha paisaxe salvaxe e telúrica. Unha londra báñase no río e mergúllase entre as pedras, allea a todo o que a rodea. Moitos foron os veráns que o mozo protagonista pasou no Ézaro. Cada mañá ollaba o monte e pensaba como serían as vistas dende o alto da Moa ou do Penafiel, que semellaban inalcanzables. O microclima da zona é maioritaramente bretemoso e nos veráns escaseaba o sol. As conversas cos paisanos só achegaban brumas e misterios. Como sería a vida antes da construción da ponte do Xallas, cando un barqueiro cruzaba a xente dunha marxe á outra? O rexio Pindo non achegaba respostas.

Cee recibe o andante cunha zona de fábricas e ferranchos. Paisaxe moura das chemineas e do negro carbón. Alí hai unha casa abandonada, misteriosa, que curiosamente sempre ten as luces acesas. O viaxeiro chega a Corcubión, volcado no mar con rúas estreitas, arcadas, bares e xentes.

E por fin aparece Fisterra e o seu Cabo. Van moitos días de camiñata e os pés están cansos e torpes. Alí, o solpor cega a vista cun sol xa feble, que meteu medo ós Romanos. Acaba a andaina despois dunha semana pateando estradas e camiños. O final desta aventura remata no Cabo Fisterra. O solpor é sacratísimo.

Unha auténtica aventura

Cando fixen de moi novo este percorrido foi para min unha auténtica aventura. Descubrín a dificultade de saber o inicio e o remate da chamada Costa da Morte. Eu ía avanzando e sempre me dicían que alí era onde comezaba. Sen buscalo vinme perseguindo solpores. Hoxe sabemos polo científico baiés, Jorge Mira, que un dos tesouros da Costa da Morte é que agocha dous meses ó ano, a finais do verán e comezos da primavera, o último solpor da Europa continental. Pode contemplarse nunha franxa de 20 quilómetros dende o Cabo Touriñán ata Fisterra.

Moitos, moitos anos despois, atopeime cun grupo extraordinario de persoas pertencentes ó Semescom (Seminario de Estudos da Costa da Morte), do que hoxe formo parte, e que tamén perseguen as fisterras europeas e gozan dos solpores cando é posible, en Cornualles, Gales, Bretaña, Normandía ou Portugal, entre outros. Somos xentes viaxeiras e comprometidas coa defensa do patrimonio cultural e natural desta costa e destas terras occidentais de Galicia. O seu presidente, o gran historiador e escritor, natural de Bamiro, Xosé M.ª Lema, agasallounos no 2013 coa novela Costa do Solpor.

Nas nosas expedicións deixamos atrás cabos, rochedos, praias, restingas e paisaxes esgrevias onde o sol semella morrer cada tarde, mais non, ó día seguinte, volve asomar polo horizonte cun alborexar poético e prometedor.

Apuntes biográficos

Manuel S. Chouza Mata. É biólogo e profesor no instituto de Carrril, de Vilagarcía de Arousa. É coautor, con R. Cid, de vinte libros sobre flora e fauna de Galicia, así como de libros de texto e diversos materiais didácticos. Colaborou con grupos ecoloxistas como a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e participou en movementos sociais reivindivativos relacionados coa conservación da natureza. Andarín incansable, cazador de solpores e menceres, amante da cáscara amarga.