Belém Tajes suma música e lingua no seu novo traballo: «Cantos do mar de Irlanda»
CARBALLO

A artista de orixe camariñá presenta libro coa experiencia da súa viaxe polo oeste de Irlanda no 2016
21 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A artista de orixe camariñá Belém Tajes vén de publicar un libro no que recolle o resultado da súa viaxe musical polo oeste de Irlanda, un percorrido que fixo en abril do 2016 ao resultar beneficiaria dunha iniciativa de Mesa pola Normalización Lingüística. A organización -apoiada por outras institucións europeas- deu entón o seu respaldo para que diferentes artistas participasen en intercambios que tivesen por obxectivo a creación de proxectos culturais arredor de linguas minorizadas. Tajes centrouse no gaélico e percorreu diferentes localidades do país, xuntando cantigas e empapándose dunhas paisaxes e unha cultura que, segundo dixo, lle lembraron moito aos da súa Costa da Morte natal.
Cantos do mar de Irlanda se chama o libro, que a artista presentou a través dun directo de Facebook no que explicou a clara referencia aos Contos do mar de Irlanda de Xurxo Souto. «Estaba xusto lendo ese libro antes de ir á viaxe e serviume como guía», sinalou Tajes, que contou cun prólogo escrito por Souto.

Non se trata dun libro disco, pero o volume contén no seu interior un código QR que conduce á páxina da artista. Alí poden escoitarse, e mesmo descargarse, as gravacións: sobre traxedias no mar, sobre barcos, sobre lendas e historias locais, cancións infantís que recolleu nunha clase que unha coñecida cantora estaba impartindo a varios nenos...
Tajes tamén quixo deixar patente a relación entre ambas culturas, e fíxoo, por exemplo, tomando como referencia a cantiga escrita sobre a catástrofe do Serpent. «Esa foi a primeira na que pensei, das tantas traxedias que sucederon na Costa da Morte», explicou Belém.
Dende esta fin de semana xa pode encargarse o libro.